Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/11/2018 | Actualizada ás 10:00
Apoderamento. Este será o termo que designe en galego o termo que se refire ao “proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais”. Así o decidiu a RAG no canto de “empoderamento”.
E por que?. Para a RAG, este neoloxismo, procedente do inglés empowerment, “irrompeu desde o feminismo no vocabulario cotián para referirse a un dos elementos do avance cara á igualdade de xénero”. E foi precisamente esta acepción a que levou os membros do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega a lle dar prioridade no seu estudo, a raíz dunha solicitude recibida a finais de maio.
O traballo concluíu coa súa incorporación e a de novas acepcións do verbo apoderar ao Dicionario, que propón como exemplos de uso apoderamento feminino e a oración Educar apoderando as mulleres e as nenas é fundamental para construír unha sociedade igualitaria e xusta.
O coordinador do Seminario de Lexicografía, o académico Manuel González, explica o porqué desta escolla fronte a empoderamento. “A necesidade de velar para que o galego teña capacidade para expresar con voz propia calquera tipo de realidade levou á RAG a reformar a entrada apoderar e a incorporar apoderamento para dotalas dos novos significados chegados desde o inglés e que responden a unha nova realidade social no avance cara á igualdade e a corresponsabilidade de todas as persoas e grupos sociais”, conclúe o catedrático de Filoloxía Románica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.