Por Silvia López | Santiago de Compostela | 09/11/2018 | Actualizada ás 14:40
A folga feminista do 8-M foi o punto de inicio deste proxecto ilusionante e reivindicativo que deu en chamarse Xornalistas Galegas. Arredor de 200 profesionais da comunicación compoñen este colectivo creado hai uns meses co fin de defender un xornalismo con perspectiva feminista. Visibilizar a muller nos medios, establecer un tratamento axeitado da información relativa a violencia de xénero, vixiar contidos sexistas ou incrementar a presenza de figuras femininas nos postos de responsabilidade son algúns dos obxectivos que persegue este grupo de mulleres. Este sábado 10 teñen previsto un acto de presentación pública na Facultade de Ciencias de Comunicación. Nel abordarán os fundamentos e propósitos da asociación, recollidos inicialmente nun manifesto. Elena López, xornalista na Cadena Ser na Coruña e membro do colectivo, adiántanos as andanzas e inquedanzas deste colectivo.
O colectivo Xornalistas Galegas nace ao abeiro da folga feminista do 8-M. Que impulsa o seu xurdimento? Por que nace nese momento?
Ese 8 de marzo, por primeira vez, as xornalistas decidimos saír á rúa. Sempre fomos un colectivo moi concienciado, pero foi ese o primeiro momento no que as mulleres xornalistas nos agrupamos, nos reunimos e decidimos saír. Nas principais cidades galegas houbo unha concentración de xornalistas de diversos medios que nos unimos e dixemos “é o momento”. Queriamos tamén facer visible o sector.
Cando empezamos a falar vemos que temos moitos temas en común. Somos de diferentes eidos –eu son de radio, pero hai xornalistas de televisión, xornalistas de prensa, fotógrafas, xornalistas de gabinetes...– e quen máis e quen menos ten esa anécdota que contar en canto a que viviu experiencias desagradables deste estilo: ser cualificada cun estereotipo, notar desvantaxes respecto dalgún compañeiro, diferenzas de trato de políticos... Empezamos a pensar que quizais era necesario seguir coa loita, pero coa loita dende a perspectiva do xornalismo.
Como foi evolucionando o proxecto dende ese primeiro contacto?
Creamos un grupo de WhatsApp e cada vez íase unindo máis xente. Hai mulleres que son máis activas e outras menos, pero todas temos a mesma idea. O certo é que somos un gremio no que ás veces cada un imos ao noso e pensamos que era unha pena perder esa forza que nos uniu. Entón dixemos que por que non crear unha asociación, unha entidade, un grupo... Entendémonos moi ben dende o primeiro momento. Reunímonos en Santiago e empezamos a falar de como facelo. Decidiuse que ía ser unha cousa moi grupal. Por iso, á hora de falar cos medios, somos moitas as que facemos de voceiras. Debatemos o nome, as características, incluso pensamos adherirnos ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ou á Asociación de Xornalistas, pero finalmente decidiuse que non, que ía ser unha cousa á parte. Aínda que o Colexio e a Asociación tamén teñen esa perspectiva feminista, queriamos ser totalmente independentes.
No manifesto co que vos presentastes, defendedes a produción dun xornalismo con perspectiva de xénero. É algo que falta nos medios, entón?
Pois si. Non só é que falte a perspectiva de xénero nos medios, senón que falta a conciencia diso. Aínda hai xente que ve normais certos titulares ou que nin sequera lle chaman a atención. Un dos nosos obxectivos é vixiar os contidos para intentar cambialos ou melloralos: dicirlle ao xefe “mira, eu creo que así non” e propoñer cambios. Por exemplo, nunha noticia na que houbese que citar os gañadores dunha carreira popular, poderiamos suxerir que se poña primeiro o nome da muller e logo o do home. Sempre nos sae poñer antes o do home! Por que pasa iso? Nós mesmas, que ao final somos as que escribimos os contidos, queremos incidir aí. Queremos que se vaia normalizando esta perspectiva feminista. E non só entre nós, senón tamén entre os nosos compañeiros.
Na información dos medios subxacen ideas que perpetúan o pensamento machista e patriarcal na sociedade?
Si, claro. Cada vez menos, pero si que é certo que os medios de comunicación crean opinión e educan moitísimo. Por iso hai esa necesidade de concienciarnos entre todos e entre todas. Hai que loitar para que cando un neno lea un xornal, cando vexa un programa de televisión ou cando escoite a radio, non lle pareza que un home futbolista é máis importante ca unha muller futbolista. Precisamente o tratamento da muller no ámbito deportivo é tremendo.
"Cando se reflicten casos de violencia de xénero hai que poñer o foco na muller e non no suposto razoamento que ten ese home para facer o que fixo".
E quizais a área na que máis impactante é ese tratamento sexa a da información relativa á violencia de xénero. Imos mellorando neste sentido? Que cómpre mudar?
O tratamento dos casos de violencia de xénero é flagrante. Aínda se poden ver titulares que aluden a un “crime pasional” –aínda que cada vez menos– , que inciden nas razóns polas que ese home fixo o que fixo, en vez de no tratamento da violencia de xénero en si. Cando se reflicten este tipo de casos hai que poñer o foco na muller e non no suposto razoamento que ten ese home para facer o que fixo.
Antes falabas de que hai que normalizar estes cambios e incluír neles aos nosos compañeiros. Dende o colectivo, sentides o apoio dos vosos compañeiros masculinos?
Si, polo menos no meu ámbito. Agora que temos a presentación, este sábado, eu teño compañeiros que axudan. Eu noto que eles son parte e deben ser parte do colectivo. Un dos dilemas que tivemos foi o de se a asociación debía ter homes. Foi un debate bastante curioso, porque si que é certo que son parte da solución pero, precisamente por non estar normalizada a perspectiva de xénero, chegamos á conclusión de que igual acababa sendo un home o voceiro do colectivo, por exemplo. Ao final, hai unha cousa que está clara: por moi concienciados que estean –que o están!, hai homes moi concienciados– , nunca viviron nin nunca van vivir nas súas propias carnes o que vivimos nós. Poden velo, podémosllelo contar, pero eles non o van sentir en si mesmos.
Dicías que case todas tedes vivido algunha experiencia de carácter machista no terreo laboral.
Eu nunca vivín nada demasiado importante nese sentido, pero algunhas compañeiras miñas si que pasaron por cousas que son tremendas. De feito, nunha televisión local na que traballei, lembro como o xefe lles pedía ás presentadoras que tivesen unha determinada imaxe, un determinado pelo e mesmo que coidaran o seu peso. Incluso tiña unha báscula!
Pasan cousas, cada vez menos, que che fan preguntarte como isto non se fixo antes. De feito, as xornalistas máis veteranas din que é certo que é unha loita que aínda comeza agora, pero que están contentas de poder velo.
"Ao final, hai unha cousa que está clara: por moi concienciados que estean –que o están!, hai homes moi concienciados– , nunca viviron nin nunca van vivir nas súas propias carnes o que vivimos nós".
MULLERES E XORNALISTAS: O BINOMIO DA PRECARIEDADE
Por outra banda, non só defendedes esta perspectiva de xénero na información, senón tamén nas condicións na que se elabora esa información. Que quere dicir isto?
A perspectiva de xénero é necesaria tanto nos contidos das noticias como nas condicións laborais. Hai que romper ese teito de cristal que existe e incrementar a presenza de mulleres nos postos de responsabilidade. Nos postos intermedios si que hai mulleres –xefa de informativos, xefa de departamento...–, pero nos Consellos de Administración ou nos postos máis altos dáse a casualidade de que todos son homes. As currantas, as que saímos á rúa, somos nós. Hai moitísimas roldas de prensa nas que só estamos nós, mulleres. Teño ido a algunha na que o político di “bos días a todos..., ui, bueno, ... a todas”, porque non hai homes. Somos nós as que estamos na rúa, nas manifestacións, as que saímos tarde do xornal...
"Nós cargamos co traballo de dentro da casa e co de fóra, neste sector e en todos".
Ligado a iso, está a cuestión da conciliación laboral, que moitas veces prexudica máis ás mulleres ca aos homes. Hai unha falta de compromiso por parte das empresas neste aspecto?
Eu creo que si. Aínda queda moito por facer. Precisamente, relacionado con ese teito de cristal e con esas diferenzas á hora de traballar, en moitas empresas parece que o home non ten esa carga cos fillos, mentres que a muller si. Por poñer un exemplo curioso, direi que no grupo de WhatsApp que temos as Xornalistas, cando se pide algunha cousa, sempre sae o comentario de “eu teño que recoller os nenos, cando acabe xa o fago” ou “eu non podo porque teño o neno malo”. Dubido moito que nun grupo de WhatsApp onde só houbese homes saíse tantas veces ese comentario. Nós cargamos co traballo de dentro da casa e co de fóra, neste sector e en todos.
A precariedade laboral, tan presente nesta profesión, é maior no caso das mulleres?
Considero que si. A precariedade está moi relacionada con nós e con ese teito de cristal do que falabamos. Como nós ocupamos postos de menor responsabilidade, o contrato é peor. Tamén no caso de redución de xornada, porque seguimos sendo nós as que a pedimos maiormente.
MOBILIZACIÓNS NO SECTOR
Nos últimos meses vimos moita mobilización no eido dos medios de comunicación, non só no referido a estas reivindicacións feministas, senón tamén a prol dos dereitos de información libre e independente nos medios públicos. Que está pasando neste sector para que de súpeto xurdan todos estes movementos?
No noso caso concreto, foi o 8-M e esa unión entre nós a que nos deu esa forza e esa visión de que xuntas podemos, de que non estamos soas nesta problemática, que ao meu lado non só está a miña compañeira, senón toda esa rede de compañeiras doutros medios, doutras provincias... Esa unión quitou ese medo por denunciar, ese medo de pensar que se pido faltar ao traballo porque teño que levar o neno ao médico podo ser unha das candidatas para botarme cando se dea esa situación. Agora temos ese apoio detrás: non estamos soas. A clave é esa unión, porque xuntas temos unha forza arrasadora. O que queremos é que cada vez sexamos máis, xa non só para facernos visibles e eliminar desvantaxes e estereotipos, senón tamén para ter esa rede de seguridade que nos permita denunciar inxustizas sen medo. Cada vez somos máis e queremos máis presenza.
"Foi o 8-M e esa unión entre nós a que nos deu esa forza e esa visión de que xuntas podemos".
Pero, en xeral, a nosa sempre foi unha profesión moi calada. Nós imos ás manifestacións doutros, escribimos as notas de prensa dos sindicatos doutros sectores e, porén, nós nunca denunciamos. E aínda que iso está empezando a mudar, aínda segue sendo así. É curioso, porque temos o instrumento da comunicación nas nosas mans para denunciar o que nos está a pasar, e aínda así temos reparo a facelo: por medo, pola propia precariedade do sector, polas altas taxas de paro que existen na profesión...
No caso de medios públicos como a CRTVG, están inmersos na campaña dos Venres Negros para defender unha información independente e plural. Como vedes a situación dende o voso colectivo?
Teñen que loitar, claro. E nós estamos detrás con eles, arroupándoos totalmente e apoiando a súa loita ao cen por cen.
Como colectivo de comunicadoras galegas, a lingua é un instrumento importante a ter en conta. Cal é a situación do noso idioma nos medios?
Toda a nosa comunicación verbal, escrita, os nosos logos e lemas son en galego. Foi unha cousa que sempre tivemos claro: apostar polo galego en todas as nosas comunicacións, a pesar de que nos medios nos que traballamos moitas veces temos que falar en castelán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.