Por Moncho Mariño | Santiago | 18/11/2018 | Actualizada ás 22:00
A empresa Fenosa anunciara xa plans de construcción para un encoro no Umia en 1973. Este proxecto foi descartado e quedou no caixón ata os anos noventa. As intencións nese primeiro intento eran as de aproveitamento hidroeléctrico. Houbera concellos que se puxeran en contra frontalmente, como o de Moraña e por outra banda, fontes consultadas por Galicia Confidencial apuntan que naquel momento non lle resultaría rendible este encoro a Fenosa.
A Xunta de Galicia retomou a idea do encoro na primeira metade dos anos noventa. “En 1995 aparece o primeiro anuncio, pero nunca en ningún momento a Xunta dixo que era para aproveitamento hidroeléctrico” di Paloma Fernández, voceira da Coordinadora Anti-Encoro do Umia. O caso é que no mes de outubro de 1996 queda aprobado o decreto que daría forma ao actual encoro do Umia ou encoro de Caldas, situado no lugar da Baxe. “A declaración de utilidade pública do proxecto está anulada polo TSXG e polo Tribunal Supremo, en dous contenciosos diferentes, e iso é porque está orfo de motivación” di Fernández.
MOTIVACIÓNS
A motivación que se espuxo primeiramente para materializar o encoro, foi a subministración de auga para a comarca do Salnés. “Non hai informes que acrediten esta idea” di Paloma Fernández, que engade “a Xunta falaba da necesidade de subministración de auga para Sanxenxo e ademais, pola letra pequena, tamén querían facer ver que axudaría no control das enchentes do río”.
Caldas de Reis si ten problemas coas enchentes cando o nivel de precipitacións supera o cauce do río. Non obstante, logo da súa construción en 1998, o encoro non demostrou moita eficacia contra as enchentes. Un exemplo sería no ano 2006, oito anos logo do comezo das obras. “O mesmo proxecto dicía que aquilo non era posible porque a presa tería pouca capacidade de retención” lembra Paloma Fernández.
Un ano despois de comezadas as obras, 1999, aparece o decreto que declara o aproveitamento hidroeléctrico como motivo para a construción do encoro. Con anterioridade, a Coordinadora preguntara a expertos se o deseño era ou non para xerar enerxía hidroeléctrica. “Ao final concluíron que o deseño si era para crear enerxía, dicían que se fose para fornecer de auga algún lugar, sería unha presa de “escollera” e non ese muro feito para que a auga baixe cara as turbinas”.
O UMIA EN ANDALUCÍA
A presa que se construiu é das consideradas “grandes presas” por ter un muro superior aos 15 metros de altura. Unha obra coma esta debe ter antes un estudo de impacto medioambiental. “Un día chamáronme para ver o estudo de impacto porque disque vían cousas estrañas nel” conta Fernández, “nos papeis falábase do río Guadiana, de Puebla de Guzmán en Andalucía e, ese anexo dun estudo de impacto que supostamente costara daquela 17 millóns de pesetas, falaba de flora e fauna, de elementos arredor do Guadiana”.
A cousa non quedou aí, Paloma Fernández chamou ao mesmo alcalde de Puebla de Guzmán quen lle confirmou que alí si construíran un encoro e que “me enviou unha copia do informe de impacto ambiental e vimos que era o mesmo e a mesma máquina de escribir”. Isto motivou a presentación dunha querela por parte dos alcaldes da zona do Umia, “pero finalmente foi arquivada e non sei que pasou con esa querela”.
E CHEGARON AS BACTERIAS
Unha das consencuencias de represar auga nun río é que ese líquido retido vai perdendo osíxeno debido á falta de fluidez do caudal, se sumamos altas temperaturas do verán, créase o fenómeno de eutrofización, a perda de osíxeno na auga. Este é o caldo de cultivo para a cianobacteria, unha microalga. Un estudo sobre a presenza da cianobacteria no encoro do Umia, este estudo foi realizado polo profesor da USC, Fernando Cobo, “a putrefacción da auga encorada aumenta co paso do tempo, así aparece esta microalga que non se pode erradicar, a única solución sería abrir a presa e que a auga circulase libremente, osixenándose” resume Paloma Fernández.
A raíz da presenza da cianobacteria, ao elevedado nivel da súa densidade, no ano 2006 cortouse a traída da auga para consumo humano. A subministración fíxose mediante camións cisterna. “Doce anos despois seguimos na mesma” di Fernández. “A utilidade pública para construir un encoro ten que ser moita, para aturar o que nos sucede”.
O pasado día 12 de novembro, a Coordinadora Anti-Encoro do Umia enviáballe unha carta á presidenta da Comisión de Peticións da Unión Europea. No documento citábase o “desleixo” desta comisión repecto da problemática tanto medioambiental, sanitaria e xurídica arredor do que acontece coas augas do Umia.
No aspecto sanitario, a cianobacteria podería afectar ao ser humano con infeccións se se expón mediante o baño nas augas do río. Medioambientalmente, afecta aos humedais do Umia e Ulla, pois o sube-baixa do nivel de auga aportado polo río cando abren ou pechan as comportas da presa, inflúe negativamente na flora e fauna do lugar. Por último, a Coordinadora chamaba a atención sobre a pasividade e desatención por parte das autoridades tanto políticas como xurídicas sobre os problemas nacidos logo da creación do encoro.
Vinte anos despois da construcción da presa no río Umia, as conclusións son que o risco de enchentes segue case igual que antes da represa. En épocas de verán, sobre todo, é cando aumenta a presenza da alga ou cianobacteria, que pode ser un risco para a saúde, de aí por exemplo o peche da traída de auga e subministración por cisternas en 2006. E por último, unha actuación tanto política como xurídica cando menos desconcertantes, visto que o informe de impacto ambiental do Umia era o mesmo empregado para a presa construida nun río en Andalucía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.