Cen anos de nacionalismo galego

“Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. (Manifesto da I Asemblea Nacionalista de Lugo; 18.11.1918.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 18/11/2018

Comparte esta noticia

Cúmprense cen anos da Asemblea Nacionalista de Lugo, na que o galeguismo prenacionalista que operaba dende o Rexurdimento definiuse en diante como nacionalista por considerar Galicia como nación.

Unha das xuntazas das Irmandades da Fala
Unha das xuntazas das Irmandades da Fala | Fonte: intergalcome.uvigo.es

Esta Asemblea xuntou case cen entidades culturais e concellos, sobranceando entre elas as Irmandades da fala constituídas, a máis antiga a d’A Coruña. E xuntaba tamèn un galeguismo de clara raigame progresista e demócrata, herdeiro de Murgía ou Vicetto, canda sectores socialistas (Xaime Quintanilla) e un galeguismo conservador, herdeiro de Alfredo Brañas.

O Manifesto coincide co remate da guerra europea e amosa  ser tributario da teoría da autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson e do impacto da rebelión nacional irlandesa (Easter Rising) de 1916. Os nacionalistas galegos acordan conquerir do “Goberno da Súa Maxestade” a autonomía integral de Galicia e mesmo presentar o seu caso perante a Liga de Nacións (daquela en constitución).

As propostas aprobadas amosan un grande coñecemento do País e una grande modernidade, polo que continúan en certa parte moi vixentes. Velaí a igualdade entre home e muller, o sistema electoral proporcional, a cooficialidade do galego, a supresión das Deputacións, a autonomía local, un autogoberno amplísimo que monopolizaría a asistencia social, a educación e todas as funcións administrativas e máis  a unión confederal ibérica de Galicia, Castela, Euskadi, Catalunya e Portugal.

Dende 1918 o galeguismo adquire a maioría de idade para ver Europa e o mundo por si propio, sen a intermediación española. Deste xeito vai formar a Tripla Alianza (1923) con vascos e cataláns frustrada pola Ditadura primoriverista e converxer no Partido Galeguista (1931), motor do Estatuto aprobado no referéndum de xuño de 1936 polo voto favorábel de case o 74% do censo.
 
As ideas de hoxe de grande parte da sociedade galega en canto á existencia dunha personalidade de noso, a lingua propia como valor, as avantaxes do autogoberno ou Galicia como medida de referencia conectan historicamente co xuntoiro de Lugo de 1918.

A arrincadeira.- Escocia cara ao segundo referéndum de independencia?

No referéndum de setembro de 2014 a cidadanía escocesa rexeitou a independencia cun 45,5% de votos fronte ao 54,5%. Un dos argumentos fulcrais para manter a unión foi a da pertenza europea, seica votar contra a independencia mantería Escocia na Europa. Mais no referéndum do brexit de xuño de 2016 os escoceses votaron cun esmagador 62% a súa permanencia na UE .
Porén, malia esta votación, Escocia tería que abandoar a Unión Europea canda o Reino Unido, mentres seica Irlanda do Norte mantería en calquera caso unha vinculación alfandegaria. A first minister escocesa, a independentista Nicola Stugeon (SNP) denuncia arestora que só a independencia de Irlanda garante os dereitos do Ulster, que Europa só recoñece aos Estados soberanos, mentres constata a existencia de millóns de escoceses enganados polas falsidades do unionismo na campaña de setembro de 2014.

O Parlamento escocés podería convocar unha consulta non vencellante, mais seica o Goberno do Scottish National Party agardará á solución definitiva desta crise para acadar un pacto cara un segundo referéndum vinculante, diante da evidencia de que medrou nestes catro anos os seareitros da independencia, sen acadar aínda, porén, unha clara maioría absoluta.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.