Rubial defende a actuación sanitaria no Marisquiño e BNG e En Marea recórdanlle a súa imputación pola hepatite C

O PP acusa ao PSdeG de "cuspir na cara ás vítimas" ao pór en dúbida a representatividade dun portavoz dos afectados no festival

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/11/2018 | Actualizada ás 20:51

Comparte esta noticia

O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, defendeu a "dilixente, eficaz, coordinada e resolutiva" actuación dos servizos sanitarios públicos despois do accidente ocorrido no festival O Marisquiño, e fíxoo na comisión de investigación que se creou no Parlamento de Galicia sobre este suceso, entre as críticas de En Marea e BNG sobre a súa ausencia da comisión que investiga á sanidade pública a pesar de que el é un dos investigados polo caso da medicación da hepatite C.

Salustiano Mato, Jesús Vázquez Almuiña e Félix Rubial
Salustiano Mato, Jesús Vázquez Almuiña e Félix Rubial | Fonte: DUVI.

Rubial compareceu na comisión parlamentaria que investiga o accidente do Marisquiño a petición do Partido Popular. Sen embargo, a oposición sostén que o PP "vetou" a súa participación na comisión sobre a sanidade pública, a pesar de estar investigado pola súa decisión sobre a subministración de medicación aos enfermos de hepatites C. Por este motivo, entre outros, a oposición abandonou "definitivamente" a comisión da sanidade este mesmo xoves.

BNG e En Marea aproveitaron a presenza de Rubial na comisión do Marisquiño para afearlle a súa ausencia. A deputada de En Marea Carmen Santos instou o xerente da EOXI de Vigo a "respectar" ás familias dos "mortos por hepatites C", e do falecido na PAC da Estrada, como o fai coas familias dos afectados polo accidente do Marisquiño.

A presidenta da comisión do Marisquiño chamou á orde a Santos en dúas ocasións até deixala sen posibilidade de intervir na súa quenda e a deputada respondeu que está "afeita" a que empreguen a "forza" e o "autoritarismo" para "vetar" as cuestións que non lles interesan.

Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bará lamentou que Rubial non queira escoitar as "demandas" dos colectivos de persoas afectadas pola hepatite C e sostivo que "non entende" os motivos polos que o PP o "vetou".

O deputado popular Alberto Pazos defendeu que solicitou a comparecencia de Félix Rubial nesta comisión porque "se puxo en dúbida o correcto funcionamento do operativo sanitario" por parte "dalgúns grupos políticos".

ACTUACIÓN SANITARIA "EXCELENTE"

O xerente da área sanitaria de Vigo destacou a "excelente" actuación dos profesionais sanitarios a noite do accidente e insistiu na "coordinación" desde o primeiro momento desde o 061, así como que a directora asistencial e a subdirectora de procesos en ingreso coordinaron "in situ", desde o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), todo o operativo.

Nunha detallada intervención celebrou a "comunicación fluída" entre o 061 e o HAC e detallou que tanto o servizo de urxencias do PAC de Vigo como o do propio hospital foron reforzados con "16 profesionais", dous deles contratados para potenciar o servizo de raios.

Tanto En Marea como BNG manifestaron que houbo unha "descoordinación" dos servizos sanitarios. "A cousa saíu ben grazas aos profesionais sanitarios", aseverou Carmen Santos. Mentres que Luís Bará leu titulares de prensa nos que os traballadores do sistema sanitario público denunciaban "o colapso" das urxencias en Vigo.

Un extremo que o alto cargo da Xunta negou. "Ás urxencias de Vigo déuselle a volta como un calcetín no últimos tres anos. Temos un 17 por cento máis de persoal", rebateu Rubial.

"AUSENTARSE" DO PARLAMENTO

Esta sesión da comisión do accidente do Marisquiño no Parlamento experimentou outro momento de crispación coa referencia do deputado do PP Alberto Pazos ás declaracións do deputado do PSdeG Abel Losada nas que cuestionou ao portavoz das vítimas que compareceu na sesión deste xoves pola mañá. "Pór en dúbida a representatividade da persoa que veu é cuspir na cara ás vítimas dunha maneira lamentable", afirmou o popular.

Pazos afeou ao PSdeG a súa "ausencia" desta comisión, e doutras —en referencia a que toda a oposición abandonou este xoves a comisión que investiga a sanidade pública—, e convidouno a "ausentarse definitivamente" do Parlamento "antes de insultar aos representantes das vítimas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta