Dámaso Alonso, o patriarca das letras españolas que investigou e amou a lingua galega

"Por dereito propio, merece un posto destacado na historia da lingüística galega anterior a 1962", defende Xosé A. Fernández Salgado, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina na Universidade de Vigo, que revela oito cartas de Dámaso ao galeguista Ramón Otero Pedrayo.

Por Alberto Quian | Madrid | 14/12/2018 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Dámaso Alonso (1898-1990) é unha das figuras centrais das letras españolas do século XX. Literato e filólogo, foi director da Real Academia Española e da Revista de Filología Española, membro da Real Academia de la Historia, Premio Nacional de Poesía de España en 1927, Premio Miguel de Cervantes 1978 e referencia intelectual no hispanismo. Pero tamén fixo unha importante contribución á lingüística galega nas décadas centrais do século pasado. Xosé A. Fernández Salgado, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina na Universidade de Vigo, dá a coñecer oito cartas de Dámaso Alonso dirixidas ao escritor e político galeguista Ramón Otero Pedrayo, entre 1943 e 1946. Nelas, solicitaba ó daquela grande patriarca das letras galegas datos de tipo lingüístico sobre o galego. 

Dámaso Alonso
Dámaso Alonso | Fonte: Fundación Juan March

Esta correspondencia mostra non só o interese de Dámaso en obter información de tipo lingüístico sobre o galego falado; tamén revela as súas reflexións sobre o estado das investigacións sobre esta lingua, o seu desexo de investigala, o método de traballo a seguir e a súa relación con Galicia. "Por esas cartas sabemos do rigor investigador de Dámaso, da precariedade dos estudos sobre o galego nesa altura e do amor que sentía por Galicia e pola súa lingua", enxalza Fernández Salgado.

Estas nove cartas son parte dun proxecto máis amplo de investigación sobre a correspondencia científica de Dámaso coa intelectualidade galeguista arredor de mediados do século XX

"Por dereito propio, Dámaso Alonso merece un posto destacado na historia da lingüística galega anterior a 1962, porque se interesou polo estudo científico do galego vivo nun momento no que case ninguén o facía, porque o deu a coñecer a través dos seus traballos como realidade lingüística autónoma na Romanística europea, porque delimitou e caracterizou o que el denomina «gallego hablado en Asturias», e, cando menos, tamén polas continuas leccións de lexicoloxía e de fonética histórica e sincrónica que sobre o galego abrollan en moitos dos comentarios dos seus traballos", argúe o profesor da Universidad de Vigo.

As cartas comentadas por Fernández Salgado son parte dun proxecto máis amplo de investigación que pretende recadar e estudar a correspondencia científica de Dámaso coa intelectualidade galeguista arredor de mediados do século XX.  

A relación entre o Dámaso lingüista e o galeguismo cultural foi xermolando, segundo  Fernández Salgado, arredor da Editorial Galaxia na década de 1950. Na España da posguerra, había –segundo o profesor– "un interese do galeguismo por ter na súa 'órbita' ó romanista de ascendencia galega [Dámaso Alonso]" .

"Situar o idioma galego na Romanística europea foi unha das tarefas fundamentais proxectadas polo grupo Galaxia, onde Ramón Piñeiro desempeñou un papel primordial na súa condición de director literario da editora", recorda o filólogo.

Dámaso Alonso foi nomeado Correspondente da Real Academia Galega en 1945, e en 1973, recoñecido como Membro Honorario do Instituto da Lingua Galega

Como proba do dito, lembra o epistolario de 1958 de Piñeiro con Isidoro Millán, no que se apreza "a importancia, case obsesión, que para Piñeiro ten que Dámaso Alonso participe no libro Homaxe a Ramón Otero Pedrayo (1958) que a editorial lle preparaba polo seu 70 aniversario". 

O profesor da Universidade de Vigo reivindica a este hispanista como unha figura clave no recoñecemento da lingua galega. E defende que, "aínda que non adoita figurar nas súas semblanzas biográficas, cando menos debe aparecer na súa biografía 'galega' o feito de que Dámaso Alonso foi nomeado Correspondente da Real Academia Galega en 1945, e en 1973, recoñecido como Membro Honorario do Instituto da Lingua Galega".

INVESTIGADOR DO GALEGO

Na súa faceta como lingüista, Dámaso Alonso desenvolveu importantes investigacións ao decatarse do atraso dos estudos lingüísticos hispánicos. E, como sinala Fernández Salgado, "se os materias lingüísticos dialectais sobre o castelán e o leonés eran escasos –en comparación por exemplo cós do francés–, as descricións lingüísticas sobre a lingua galega naquela altura de mediados da década de 1940 eran case inexistentes". Unha pecariedade da que se queixou reiteradamente.

Dámaso Alonso iniciou en 1943 as súas investigacións sobre o galego. Centrouse no que chamou 'galego exterior', o falado entre os ríos Eo e Navia, e o dos Ancares leoneses

Unha das súas primeiras reflexións aparece en 1959. O profesor da Universidade de Vigo reproduce as palabras do ilustre filólogo:

No sabemos apenas nada de lo que es la verdadera imagen de la rica variedad fonética en el gallego hablado de Galicia. Es lamentable el contraste entre la escasez de estudios lingüísticos gallegos, hechos con criterio ciéntífico, y el enorme y fructífero esfuerzo de los especialistas catalanes.

En La fragmentación fonética peninsular (1962), a propósito da comparación do sistema vocálico galego cos doutras linguas da romanía, láiase, por exemplo, da case inexistencia de estudos sobre o galego falado:

He aquí una enorme dificultad, porque debido al increíble atraso de los estudios de lingüística gallega, esta lengua, en su estado moderno, es casi una incógnita; lo es desde luego, su vocalismo. Falta casi completamente una recogida sistemática de materiales; labor de años.

Dámaso Alonso iniciou en 1943 as súas investigacións sobre o galego. Con todo, Fernández Salgado matiza que "a variedade lingüística elixida para investigar non foi a do 'galego interior' –isto é, o falado nas catro provincias administrativas galegas–, senón o que el vai denominar 'galego exterior', quer na súa vertente asturiana, o falado entre os ríos Eo e Navia e sobre todo na bisbarra dos Oscos; quer na súa vertente ancaresa, o “galego-leonés”, falado no val de Ancares, na parte administrativa leonesa".

A familia paterna de Dámaso era e Ribadeo, onde el mesmo pasara durante a súa infancia moitas tempadas; o propio escritor, nado en Madrid, considerábase galego e de neno falara a esta lingua

Pero, por que Dámaso se decidiu a estudar o galego e non outra lingua, e en concreto a variante do 'galego exterior'? Fernández Salgado dá varias razóns. En primeiro lugar, di, "houberon de pesar razóns emotivas: a súa familia, como varias veces repite na súa correspondencia, procedía da ría de Ribadeo e el mesmo pasara durante a súa infancia moitas tempadas nesta vila da Mariña luguesa: alí nacera o pai, Dámaso Alonso Alonso, e tamén se enterrara, e a ela volvía con asiduidade nos tempos de lecer".

A estas razóns emotivas hai que engadir que o galego lle era "unha lingua coñecida". O profesor recorda unha entrevista para o xornal El Ideal Gallego publicada en 1973 na que Dámaso explicaba así as razóns do seu interese por Galicia e a súa lingua: "En primer lugar, porque aunque yo no he nacido en Galicia, me considero gallego, porque de mis cuatro abuelos, tres lo eran. Segundo porque me crié en Ribadeo. Allí murió mi padre. A mi me gustaba corretear con los 'pícaros'.como se dice allí, y he hablado gallego con ellos".

Por outro lado, "como intelectual interesado na lingua oral, Dámaso era consciente dos trazos lingüísticos particulares que ofrecía ese galego falado nas Asturias administrativas; e ben seguro que como dialectólogo era coñecedor de que esas peculiaridades aínda se debían acentuar máis tres ou catro ducias de quilómetros cara ó interior, xa nos Oscos (Asturias), bisbarra recóndita e arredada da contaminación lingüística moderna, como adoito buscaban os xeolingüistas nas súas investigacións", engade o profesor.

Finalmente, Fernández Salgado cre que deberon influír aspectos académicos, "pois a docencia dos contidos relacionados coa Filoloxía galego-portuguesa na Universidade Central estaban adscritos á súa cátedra de Lingüística románica".

Desde 1943, Dámaso Alonso contribuíu á descrición da área lingüística galega con preto dunha vintena de títulos. Na entrevista en El Ideal Gallego chegou a dicir: “Mis estudios de lingüística han sido seguramente en un 70 por cien sobre tema gallego”.

EPISTOLARIO A OTERO PEDRAYO

Oito cartas manuscritas de Dámaso Alonso ó ourensán Ramón Otero Pedrayo son agora reveladas e comentadas por Fernández Salgado. O epistolario custódiase na Fundación Penzol en Vigo. Dúas desas cartas están datadas en 1945; as restantes encádranse entre 1943 e 1946, período no que Dámaso estaba a redactar os seus primeiros traballos sobre o galego e precisaba "contrastar a solución lingüística galega que el coñece coa doutras zonas de Galicia, neste caso de Trasalba, lugar de residencia de Otero Pedrayo". 

As cartas a Otero Pedrayo "son case auténticos interrogatorios sobre o coñecemento de palabras, ditos e mesmo ás veces de costumes e tradicións"

"Todas as cartas", segundo Fernández Salgado, "abordan contidos de interese lingüístico nun sentido amplo". "Poderíase dicir que son case auténticos interrogatorios sobre o coñecemento de palabras, ditos e mesmo ás veces de costumes e tradicións", engade.

"O asunto primordial de case todas as cartas é o inquérito de Dámaso a Otero sobre palabras –e en menor medida de expresións, coplas, supersticións...–, sobre o seu coñecemento, o uso, algunha variante, algún significado particular, ampliacións semánticas. Na listaxe de palabras polas que se interesou atópanse sutaque, bordelo, telergas, celergas, xuio, xuilín, etc.", prosegue Fernández Salgado.

Estas cartas, en definitiva, revelan a ascendencia galega e o interese de Dámaso polo galego, pola variante dialectal que estudou, sobre a súa delimitación e sobre o nome que lle daba (“gallego hablado en Asturias”, “gallego oriental”).

Os documentos tamén permiten inferir o método de investigación seguido por Dámaso e o seu pesar pola escaseza de investigacións sobre o galego. Nunha carta de febreiro de 1946 de Dámaso dirixida a Angel del Castillo, daquela tesoureiro da Academia, dille:

Me dirijo a V. con ruego de que me indique qué publicaciones de la Real Academia Gallega me sería posible adquirir. […] Trabajo actualmente con bastante intensidad sobre temas gallegos, pero lucho con la escasez de bibliografía, y tengo que ir a buscarla aquí y allá, y que molestar a bondadosos amigos como D. Armando.

As cartas completas e os comentarios de Xosé A. Fernández Salgado publícanse na Revista de Filología Románica, de Ediciones Complutense, co título 'Dámaso Alonso e a lingüística galega a partir da súa correspondencia (1943-1946) con Ramón Otero Pedrayo'.

>> Cartas de Dámaso Alonso a Ramón Otero Pedrayo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta