Por Galicia Confidencial | Vilagarcía | 28/11/2018 | Actualizada ás 17:06
A central sindical emitiu unha nota onde denuncia que “o desprezo da Xunta de Galicia cara os xulgados de Vilagarcía non ten límites. Durante anos presentamos denuncias ante a inspección de traballo, a Dirección Xeral de Xustiza e nos propios medios de comunicación para lograr que a Xunta de Galicia tomara medidas para mellorar a situación dos arquivos xudiciais do edificio dos xulgados”.
AXG-CUT recoñece no seu comunicado que a Xunta si tomou medidas, aínda que sinala que foron “as xustas” para ir “tirando”. Non obstante, esas medidas non tiveron continuidade, isto provocou “unha volta atrás na situación dos arquivos”.
O sindicato sinala que logo de que no mes de agosto “presentamos na Dirección Xeral de Xustiza informe fotográfico da situación de abandono dos arquivos, case 4 meses despois as cousas lonxe de mellorar, empeoraron”. Pero ademais disto, segundo AXG “a maiores de todo o anterior, os traballadores e os cidadáns tiveron que soportar unha praga de formigas que aínda non está solucionada”.
Os xulgados de Vilagarcía “están nunha situación límite e ao bordo do colapso en canto á capacidade dos seus arquivos” sinala AXG, que tamén denuncia que “en moitos deles se incumpre a normativa de prevención de riscos laborais, poñendo en situación de risco a saúde dos traballadores”.
Entre outras circunstancias, “no Xulgado de Vilagarcía nº 1 víronse obrigados a facer transferencias informáticas dos expedientes para deixar oco para o arquivo. Non se expurgaron as pezas, polo que segue sen haber sitio. Teñen o arquivo dende o ano 1983 ata o ano 1987”.
MATERIAIS PERIGOSOS
AXG-CUT tamén chama a atención sobre o “almacenamento de materiais perigosos -bombonas de butano, garrafas de gasolina, sobres en cuxo interior se encontran xiringas, toda clase de armas brancas, latas contendo líquidos inflamables”. Estes materíais “poñen en grave risco, non só, aos funcionarios, senón ao resto que traballan nos edificios xudiciais así como ós cidadáns que acoden a estes”.
Por último denuncian que “só se toma medidas temporais para paliar o que leva a retormar a unha situación igual ou peor”. Todo isto demostra que “no relativo ao estado no que se encontran as dependencias que albergan os arquivos xudiciais, se incumpren gravemente normas básicas en materia de prevención de riscos laborais”. Así, apunta que o responsable do devandito incumprimento é “a Administración de Xusticia da Xunta de Galicia”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.