Por F.Glez.Tenreiro | | 17/06/2011
Debo dicir que me equivoquei, tanto polas formas como polo momento que escollín para criticar o que eu entendía como a ausencia dun conxunto de ideas claras e ben coexionadas que estruturasen o movemento, alén da súa auto-proclamada e teórica despolitización.
Con respecto á primeira das miñas eivas recoñezo que, tras facer varias lecturas do meu propio artigo, achei nel un lixeiro cheiro reaccionario que non se correspondía coa miña intención inicial, e non se me caen os aneis á hora de admitilo. Todo o contrario, para aqueles que confundiron a miña posición, quero deixar ben claro que estou absolutamente a favor desta mobilización, como calquera outra que saia á rúa a defender dereitos fundamentais e liberdades que se entenden atacados, aínda que non teñan tanta repercusión mediática. Apoio sen contemplacións toda actividade que se declare rebelde e radical nunha sociedade manexada por ideoloxías reaccionarias, responsábeis da penosa situación actual.
Con respecto ao momento que escollín para facer a crítica, resultou obvio que non era o adecuado; especialmente, cando ese mesmo día produciuse unha masacre en Barcelona, absolutamente demencial, por parte dun corpo represivo público que, curiosamente, leva encostado o adxectivo “antidisturbio”.
Coas miñas desculpas presentadas e co meu apoio expreso, gustaríame apontoar que tampouco participei desa idealización inicial alimentada polos medios de comunicación, que nos incitaron a pensar que podían existir mobilizacións apolíticas e “espontáneas”, sendo posíbel tamén que unha manifestación na Porta do Sol de Madrid se puidese estender até a Praza do Obradoiro coa única axuda do facebook e dos mensaxes de móbil, e sen o apoio suxestivo deses mesmos medios de comunicación. Por outra banda, tampouco acreditei que, unha vez que as reivindicacións do movemento comezaron a seguir os camiños da reforma do sistema electoral, os intereses dos cidadáns da capital do Estado español puidesen coincidir cos de Galiza.
Por outra banda, é cada vez máis evidente que para que o movemento teña continuidade – unha vez se produza o apagamento mediático – os integrantes deberán facer uso deses órganos de democracia representativa aos que me refería no meu anterior artigo, que non son outros que as asociacións, os sindicatos e os partidos políticos; estes últimos rexeitados, en grande medida, por unha parte importante do movemento; un rexeitamento aparente, seica para ocultar un posicionamento ideolóxico máis definido do que en principio se quería reflectir, posto de manifesto no tratamento dispar que se lle ten dado aos diferentes personaxes políticos que se achegaron á praza do Obradoiro.
Quero concluír aportando ao movemento o meu gran de area ideolóxico, invitando aos que simpatizan coa depuración democrática reflectida nas pequenas asembleas das prazas – onde todo o mundo parece ter voz na formación de decisións colectivas – que fagan unha proxección mental comparativa sobre a súa operatividade na organización hexemónica actual dos grandes estados: con ducias de millóns de habitantes repartidas en rexións con intereses confrontados, en contraposición a unha organización ideal de pequenas nacións, cunha masa poboacional máis operativa – en termos democráticos – e cun maior número de intereses comúns.