Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 16/12/2018
A solución para algúns baróns como os presidentes castelán-manchego García-Page ou o aragonés Lambàn é asumir o discurso da dereita extrema tripolar de Casado, Rivera e Abascal, ilegalizando os partidos soberanistas. E Pedro Sànchez, no discurso perante o Congreso o 12-D e mantendo o Consello de Ministros do 21-D en Barcelona (xa non como elemento de achegamento, senón como elemento de imperio e provocación), asumiu grande parte deste relato.
Porén, o Presidente do Goberno do Estado non escoita o que ven de dicir R. Zapatero nun xornal madrileño da dereita españolista ”…os soberanistas cataláns non son golpistas”, “…animo Pedro Sánchez que siga a dialogar…”. e “Otegui foi unha persoa clave na fin da ETA”. ZP representa a segunda alma do PSOE, hoxe seica maioritaria na Galicia, Euskadi, Cantabria, Asturies ou Illes Balears, así como en amplos segmentos do PSC e do valenciano PSPV…
Non se decata Sánchez que este xiro cara á dereita españolista é extemporáneo. En grande parte da cidadanía xa prendeu o discurso dereitista tripolar de que lle debe o cargo a Unidos-Podemos, as súas confluencias catalá e galega e aos soberanistas. Mais tamèn é desaquelada. Porque a xente escolle sempre antes o orixinal ca a copia. E porque o único espazo político baleiro na España central e meridional é a esquerda que tente explicar España en clave plurinacional, propoñendo solucións de gobernanza en rede e respectuosas con esa pluralidade, así como asumindo o principio democrático do dereito dos pobos a decidir o seu destino.
A arrincadeira. Segue a folga de fame da maioría dos presos políticos catalàns.
Seguen en folga de fame Jordi Sánchez, Jordi Turull, Josep Rull e Joaquim Forn. Mentres, o Tribunal Constitucional retén a decisión sobre a continuidade de cadansúas prisións preventivas, contra a normativa da Lei de Axuizamento Criminal que obriga decidir esta caste de cuestións no prazo máximo de 30 días naturais e impedindo mentres que recorran perante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.