Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2018 | Actualizada ás 19:11
O portavoz de En Marea, Luís Villares, sinalou que confía en que o comité electoral "poida" fixar a data para celebrar as primarias do partido instrumental "antes de nadal". Con todo, antes deberían quedar implementadas as "seis medidas" acordadas pola dirección o pasado sábado e que o sector crítico, agrupado na candidatura 'Entre Todas' que lidera David Bruzos, considera un novo intento da cúpula da organización para atrasar as votacións.
"Confiamos en que as medidas adoptadas o sábado permitan á comisión de garantías levantar a suspensión de forma inmediata, e que o comité poida fixar a data", indicou Villares este luns nunha entrevista na Radio Galega, onde apelou á "división de funcións" que hai organizativamente en En Marea.
O pasado sábado, nun Consello das Mareas sen presenza do sector crítico --que desacredita a lexitimidade do órgano de dirección do partido nun momento no que existe un proceso electoral convocado-- acordou adoptar "seis medidas" para que a Comisión de Garantías levante o veto de suspensión sobre as primarias.
Entre estas medidas inclúese o cambio de empresas que xestionan o rexistro de inscritos en En Marea (censo) e as votacións telemáticas, respectivamente; así como implementar un sistema dobre de verificación de identidade para emitir o sufraxio. "Confío en que todas as solucións técnicas que achegamos se poidan facer de maneira inmediata e o comité electoral poida adoptalo antes de nadal", apuntou Villares en referencia á data das primarias.
APUNTA AOS CRÍTICOS
Fronte ás declaracións nas que David Bruzos culpou da crise interna directamente á súa persona e á dirección que encabeza, Luís Villares reivindicou que ese tipo de afirmacións demostran "que non se entende a división de funcións que hai en En Marea". Neste sentido, apelou a que Garantías é quen "vea polos dereitos das inscritas" e que, por tanto, correspóndelle a este organismo "decretar que xa se cumpren" as condicións para realizar as votacións. "A nós (dirección) correspóndenos achegar as solucións técnicas que permitan levantar estes reparos", engadiu.
"Cada un cumpre as súas funcións e entre todas e entre todos é como podemos sacar adiante esta situación", apostilou Villares, que espetou que "hai responsabilidades" da crise interna, pero que estas "non están no Consello", senón "nas persoas que fixeron o que non debían e motivaron que saltasen todas as alarmas" sobre o proceso, en referencia ás persoas do comité electoral que entraron no censo sen consentimento da coordinadora.
DENUNCIA ANTE FISCALÍA
Villares tamén lamentou que voces do espazo político, como Antón Sánchez (Anova) ou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, expresasen a súa desconformidade coa "xudicialización" do partido após o anuncio da dirección de que denunciará ante Fiscalía ao tres persoas do comité electoral que accederon ao censo de maneira presuntamente irregular.
"O que non é razoable é que se nos pida mirar para outro lado. Non podemos facer a vista gorda. Se pedimos aos demais ética, rigor e transparencia; internamente non podemos mirar para outro lado", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.