Villares imponse nas primarias de En Marea e os críticos ameazan con accións legais

A lista 'Coidando a Casa' obtivo 1.596 sufraxios, mentres 'Entre Todas' quedou en 1.098. O sector liderado por Bruzos esixe unha auditoría e non descarta tomar medidas legais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2018 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

A candidatura 'Coidando a Casa' liderada por Luís Villares venceu nas primarias de En Marea ao lograr case o 60% dos votos polo 40% obtido pola lista do sector crítico, 'Entre Todas', encabezada por David Bruzos.

O portavoz de En Marea, Luís Villares.
O portavoz de En Marea, Luís Villares.

Os resultados provisionais consultados reflicten que a lista de Villares obtivo 1.596 sufraxios, mentres 'Entre Todas' quedou en 1.098.

O gañador agradeceu o apoio maioritario recibido dos que votaron, nada máis coñecerse i resultado. "Moitísimas grazas a todas as que sumastes participando nas eleccións de En Marea. A nosa tarea segue sendo conseguir un cambio para as galegas e galegos e nese traballo para transformar Galicia non sobra ninguén", dixo nun xesto para achegar posturas co outro sector.

Os críticos —entre os que se atopan Anova, Podemos, Esquerda Unida e os alcaldes de Compostela e A Coruña— quedan así cuestionados ante estes resultados, que non sentaron nada ben na candidatura 'Entre Todas'.

Como era de prever, iníciase unha nova batalla na guerra que manteñen ambos os bandos. Os críticos denuncian "indicios claros de falta de imparcialidade", xa que, din, "o reconto dos votos fíxose sen presenza dos interventores de 'Entre Todas' e as votacións non están auditadas e rexistráronse numerosos incidencias que impediron o voto de moitas inscritas".

'Entre Todas' anuncia que abrirá un "período de reflexión sobre o futuro do espazo da unidade popular", e non descarta tomar medidas legais pola "vulneración dos acordos do Plenario do 27 de outubro".

"Os resultados que acabamos de coñecer polos medios de comunicación indican que non poderemos recuperar a dirección política de En Marea para as políticas de Unidade Popular", asumen os críticos, que defenden que "por responsabilidade", participaron nunhas eleccións "absolutamente intervidas pola Coordinadora de Luís Villares que estaba en funcións, marcada por unha campaña sucia baseada en mentiras e polo boicot ao Comité Electoral saído do Plenario do 27 de outubro".

Este sector pide que o proceso electoral sexa "auditado rigorosamente por unha entidade independente" para, segundo eles, "por fin á xestión escurantista deste proceso por parte da Coordinadora en funcións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 16 comentarios

1 XESUS MARIA E XOSE

Cheira a pucheiro... anda si tedes valor de censurarme!!!!