Traballadores do servizo telefónico do 061 volverán á folga o 21 de xaneiro

A CIG anunciou novas protestas ante os "incumprimentos salariais" da empresa concesionaria, Grupo Norte. Entre outras medidas, esixen o pago dos pluses de compensación polo traslado do centro laboral á Estrada

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2018 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

Traballadores do servizo de atención telefónica do 061 volverán á folga o próximo 21 de xaneiro, segundo informa a CIG, "en resposta aos incumprimentos salariais e laborais por parte da empresa concesionaria, Grupo Norte".

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA - Archivo

A decisión, de acordo coa central nacionalista, foi adoptada en asemblea este mércores, cando tamén se aprobou desenvolver outras "medidas de presión para esixir o pago dos pluses de compensación polo traslado do centro de traballo á Estrada". A CIG sinala que, ao anunciar Grupo Norte a eliminación destas extras, está incumprindo o laudo que puxera fin ao conflito derivado do traslado. 

"Este incumprimento súmase á decisión unilateral da empresa de reducir os pagos de incentivos en decembro de 2017 do 7,5% ao 5% da masa salarial e o incumprimento das cláusulas sociais ofertadas no concurso no que gañou a concesión", apunta.

Antes da folga, o 15 de xaneiro, está prevista unha nova reunión no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, que foi solicitada por decisión do comité.

AMBULANCIAS DO 061

Por outra banda, a central nacionalista emitiu outra nota de prensa na que advirte de que  "non vai consentir en ningún caso que sexan os traballadores os que paguen a mala xestión das compañías adxudicatarias da Xunta". Así o expresan logo de que as empresas de ambulancias do 061 avanzaran que valoran deixar de prestar servizo a partir de marzo.

Este anuncio, ao seu xuízo, é "a confirmación do que a CIG leva tempo denunciando: que os contratos se adxudicaron por baixo dos custos reais e que as empresas presentaron ofertas temerarias, aínda sabendo que así non poderían cumprir coas condicións recollidas nos pregos nin no convenio colectivo de aplicación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta