Juan Carlos López Corbacho: "Alcoa veu facer unha chantaxe"

O presidente do Comité de Empresa da factoría de Alcoa na Coruña non deixa de repetir que a multinacional usa a chantaxe e a prepotencia como armas nas negociacións. Tamén pide ás autoridades autonómicas e centrais que tomen posicións máis sólidas fronte ao que desde o Comité consideran que é a deslocalización de produción que fará de España un país demandante de aluminio e non exportador como é ata o de agora.

Por Moncho Mariño | A CORUÑA | 30/12/2018 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

-Como están os ánimos logo de que Alcoa anunciase quince días máis de prórroga para as negociacións?
Os ánimos están intactos. Esta prórroga non deixa de estar dentro dun período de consultas que en todo caso alonga vinte días máis. A situación nese sentido é a mesma, algo máis de tempo pero a situación non mellorou para nada. Seguimos dentro dun ERE de extinción co que a empresa quere despedir todo o conxunto do persoal e pechar as plantas. E nós dicimos “non”, pois vemos que non hai motivos para pechar nin facer despedimentos. E as alternativas hainas que valorar e faremos as propostas cando toque facelas, que aínda non temos toda a documentación que a empresa debera enviarnos para facer a nosa argumentación e facer esa proposta.

Manifestación na Coruña contra o peche de Alcoa
Manifestación na Coruña contra o peche de Alcoa | Fonte: @silcerino.

-Considera que Alcoa quere gañar tempo para que vostedes cedan nalgúns puntos das súas propostas?
Non sei se quere gañar tempo, penso que aquí o tempo estano gañando os traballadores e traballadoras coa súa loita e a súa resistencia a entrar neste proceso. Pensamos que Alcoa, se lles puidésemos brindar a oportunidade de pechar e despedir a todos, xa o terían feito o 18 de outubro, porque o 17 presentaran o expediente. Pero esa non é a situación, Alcoa vese na situación de estar apertada por traballadores e traballadoras para aprazar as cousas.

-A situación está moi tensa? Pensa que foi un estoupido de desesperación que compañeiros e compañeiras súas irrompesen no lugar onde se estaban levando adiante as negociacións?
Non cualificaría iso como un acto de desesperación, é un acto de protesta diante dunha compañía que exerce o seu valor principal, a prepotencia en todo momento, contra nós, contra os traballadores e traballadoras presentando un ERE de extinción con nocturnidade e aleivosía, exerce prepotencia contra o Goberno cando non se presenta en varias reunións e a exerce aplicándonos unha chantaxe case diaria onde tes que entrar nesas reunións se queres aumentar o prazo. A presión dos traballadores  é para buscar unha situación máis favorable en tempo, penso que iso axudou que esta mesa se prolongase vinte máis. Alcoa sentiu esa presión para prolongar ese período de negociación.

"Alcoa vese na situación de estar apertada por traballadores e traballadoras para aprazar as cousas"

-Entón non cre que Alcoa estea xogando cos sentimentos dos traballadores, con este “sentarme e non sentarme” e así que a cousa estoupe e ter unha escusa para pechar todo definitivamente?
Xogar cos sentimentos da xente é un dos valores de Alcoa. Fíxoo sempre, entón pensamos que este aprazamento puido darse o día vinte facilmente. Non foi así porque non había ningún condicionante a maiores na mesa o día vinte e sete que non houbese o día vinte. O único condicionante que se sentiu, foi a presión dos traballadores e traballadoras nas inmediacións do lugar de negociación. Non houbo nada máis, esa chantaxe sentímola moitas veces. A do ano 2014 foi unha chantaxe vil, a nós e a todo o mundo e ao Goberno, e no 2018 estamos asistindo á mesma chantaxe usando os traballadores e traballadoras sen sentimento ningún polo medio. Esta empresa non entende de sentimentos, entende de cartos, de gañar cartos máis rapidamente fóra de aquí e está disposta a facer todo o que sexa posible. A súa estratexia, como dicimos nós, está preparada desde hai moitos anos, desde que aterrou aquí para apropiarse do mercado español, a intención é levar a fabricación fóra de España porque alí teñen rendementos máis altos. Esa é Alcoa.

Planta de Alcoa en Lugo
Planta de Alcoa en Lugo | Fonte: elnuevofarodetapia.blogspot.com

-Ve a mesma vontade de querer buscar unha solución desde a Xunta e o Goberno central, ou hai diferenzas?
A solución é, primeiramente empresarial, só pasa por Alcoa e logo de vontade política. Vontade política nos extremos máis pronunciados da política que son os gobernos da Xunta, Principado de Asturias e o Goberno central. Isto é vontade política porque non estamos diante dun proceso de declive na produción, é un proceso de futuro que afecta a toda a sociedade en base ao aluminio, porque é un mercado que crece e hai que protexer. Temos pois, unha multinacional que quere quedar co noso mercado. Debérase regular mediante a unión de todas as forzas políticas, para protexer o sector. Pero si, é vontade política. De entrada haina, todos se pronuncian na mesma liña, uns máis ca outros, pero van na mesma liña. Hai declaracións institucionais no Parlamento galego, no de Asturias, no Senado e no Congreso dos Deputados. Esa vontade en intencións está aí, pero hai que levala a normativas e efectividade. Hai solucións? Si, a primeira que a empresa retire o ERE e só o fará por vontade ou por presións do aparato político e nós estamos no medio, os traballadores e traballadoras somos unha das patas da mesa. Pero quen ten a solución son estes dous axentes, gobernos e empresa.

"Xogar cos sentimentos da xente é un dos valores de Alcoa"

-Puxeron sobre a mesa desde o Comité de Empresa que as factorías de Coruña e Avilés volvan ser de propiedade pública?
Primeiro, sempre pensamos que hai moitas sombras dentro do proceso de privatización de Inespal, o que era o sector público do aluminio. O sector do aluminio era público en España porque era estratéxico, porque o crecemento do noso sector era visible hai vinte anos, cando xa eramos unha potencia en produción de aluminio, aínda así se privatizou. Desde aquela somos un monopolio nas mans de Alcoa desde 1998. Desde ese ano, non se fixo nada por desenvolver as factorías para medrar. O que fixo foi destruír e vender factorías, outras pecharon, sobre todo as de estrusión de aluminio. Sabiamos que a venda traería problemas. Venderon tamén o proceso de laminación a finais de 2013. De once centros do aluminio público que había en España, só quedan catro, dous na Mariña, un na Coruña e o outro en Avilés e estes dous últimos cun ERE de extinción sobre a mesa. Isto é Alcoa, cunha estratexia de deslocalización do aluminio español, a traxectoria está aí.

-Esa deslocalización está detrás da falta de investimento para mellorar as fábricas e a súa produción?
Claro, iso desde un principio. Cando Alcoa mercou Inespal, pagou sobre 64.000 millóns de pesetas (case catrocentos millóns de euros) no ano 1998. Desa cantidade, non aportou á SEPI (Sociedad Estatal de Participación Industrial) nin a metade, porque o resto fora para débeda. A realidade é que a SEPI lle devolveu a Alcoa todo o que pagara por unha cláusula secreta que había polo desvío do prezo da electricidade. Isto foi regalado en base cláusulas secretas e que Alcoa fixo caixa, como? Pois aproveitándose da produción das empresas e logo da venda das mesmas. Había compromiso de manter emprego, de investir 64.000 millóns de pesetas nas empresas, 200 millóns de euros para instalacións e 115 millóns de euros a medio ambiente, porque así o dicía a Unión Europea. E realmente o investimento foi a metade dos 115 millóns para medio ambiente. En instalacións non se investiu e a outra metade para medio ambiente tampouco. Alcoa aquí veu facer unha fraude.

"Eramos unha potencia en produción de aluminio e aínda así se privatizou o sector"

-O prezo da electricidade é unha maneira de chantaxear por parte da empresa?
Nós non imos dicir que a electricidade estea barata, porque é mentira. España ten que regular os prezos da electricidade doutra maneira, desde logo precisa dunha regulación ampla que chegue a todo o mundo, desde a industria á cidadanía. Que non temos por que pagar tres veces máis pola luz que calquera outro país avanzado de Europa. Aquí pasa algo desde a orixe e aí é onde se ten que ir para termos uns prezos razoables e así poder competir no entorno europeo.

-Hai uns anos presentárase á Xunta e concretamente á Consellería de Industria o plan “mix enerxético”. Que pasou con el?
Iso penso que aínda está sen desenvolver. Hai intención e vontade pero falta execución. Por que? Pois porque hai outras empresas implicadas que non saben o que é unha crise. Cando digo outras empresas falo de empresas enerxéticas e xeración de electricidade en España, que é dos poucos países da UE que non ten unha empresa eléctrica de capital estatal. Estamos diante dun oligopolio, aínda que esta palabra estea máis que usada hai que seguir dicíndoa, porque hai un pacto tremendo sobre o prezo da electricidade ademais de haber un problema de fixación de prezos e de regulación. Nós sempre dixemos que nun país avanzado a electricidade ten que ser un dereito, cunhas fixacións por parte do goberno para normalizar os prezos. Aquí está todo en mans de catro empresas das que ningunha ten participación do Estado. O contraditorio é que algunhas desas grandes empresas que traballan aquí, teñen participación doutros países e non do Estado español. Isto é moi grave e de aí os prezos que existen e pensamos que, de entrada, non se está afrontando o problema real. Hai moito poder establecido nos consellos de administración.

"Sempre dixemos que nun país avanzado a electricidade ten que ser un dereito"

-Como levan o día a día dentro da factoría?
Lévase loitando, presentando proxectos, estudando moitísima documentación de luns a domingo e prepararse para dar ese nivel na loita. Os representantes dos traballadores e traballadoras estamos agradecidísimos por todo ese esforzo que están facendo para podermos estar en todos os lugares onde hai que estar. Tamén hai preocupación, incerteza e con esixencia para o Goberno e a Xunta para que fagan algo, que se pronuncien como debe ser e que lle digan á empresa que poña unha solución que non sexa nunca un peche nin despedimentos de traballadores e traballadoras, nun sector como o noso que ten futuro.

-Baixou o ritmo de produción?
Non, seguimos producindo igual que antes do anuncio do ERE. Seguimos na mesma dinámica sen incidentes e sen accidentes aínda que a cabeza non está como para estar no traballo, pero procuramos estar ao cen por cen para facer as nosas tarefas e, desde logo, temos que saír sans e salvos desta empresa por moi mal que o estamos pasando.

"Hai esixenia ao Goberno central e á Xunta para que fagan algo, que se pronuncien"

-Como poden combinar mobilizacións e traballo diario?
Pois con moita vontade, esforzándose e sabendo que é unha responsabilidade. Sabemos que se non estamos aí, dificilmente se protexerán empregos e o sector. Levámolo así porque temos razón, porque é así desde o noso punto de vista. Cando te sentes diante dunha inxustiza, sacas recursos de onde non os hai. Iso fainos medrar cada día máis, por que?, porque temos razón. Aquí veñen de maneira agresiva e irresponsable con algo que é noso. Temos dereito a defender isto, porque durante moitos anos estívose mirando para outro lado e sabiamos que chegariamos a esta situación. Non nos gusta, pero defendémolo desde a razón e a xustiza e iso danos forza e máis cohesión.

-Por tanto hai beneficios para Alcoa?
A factoría dálle beneficios a Alcoa sempre que lle apetece. A empresa leva facendo aquí unha destrución da instalación cun deterioro diario. A Alcoa nunca lle interesou facer visible a rendibilidade desta fábrica nin da de Avilés. E dentro de pouco non lle interesará visibilizar a rendibilidade de San Cibrao. O seu proxecto é abandonar as instalacións e esnaquizalas. Porque a traxectoria de Alcoa está moi ben documentada. Alguén terá que pararlle os pés nalgún momento.

-No suposto de peche total e definitivo, que expectativas quedan aos traballadores e traballadoras?
A que pode ter calquera traballador que non ten emprego nun país onde non hai emprego, sobre todo non hai emprego de calidade. É unha situación que un goberno e a Xunta non poden permitir. Aquí hai traballo que dá outros traballos e un nivel de vida digno nas zonas onde están emprazadas as factorías. Nunhas factorías que teñen viabilidade e futuro, os gobernos non poden permitir este ataque, porque é un ataque só por facer negocio con outro ritmo noutros países. E todo cando vemos que neste país o emprego vai para o sector servizos dentro dunha situación moi débil.

"Cando sentes que hai unha inxustiza, sacas recursos de onde non os hai, por que?,  porque temos razón"

-Propuxéronlles planos de prexubilación, recolocacións e outras alternativas?
Non, de momento non falaron desa situación. É algo que está evitando, non sabemos por que. Dentro do escenario que pretenden levar adiante, non presentaron ningunha alternativa.

-Se tivese que resumir todo o que está pasando, como o faría?
Que estamos diante dunha chantaxe e dun ataque dunha multinacional que pretende levar a produción a outros países. Alcoa fai negocio creando e ampliando outras fábricas cos ingresos que levou das fábricas españolas mentres non investiu un céntimo nestas plantas. Ampliarán a planta que teñen en Islandia, mercaron plantas en Noruega a cambio de vender españolas, fixeron unha planta en consorcio co goberno de Arabia Saudita e tamén a ampliarán para aumentar a produción. Alcoa estase situando en lugares onde pode ter o prezo de electricidade que lle dea a gana en países onde non hai regulación da UE. Somos demandantes de aluminio, e queren que o merquemos fóra, sobre todo por unha chantaxe que está facendo unha multinacional neste país. 

Peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña. M.Dylan
Peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña. M.Dylan
Comité de Alcoa antes de reunión en Madrid. COMITÉ DE ALCOA EN A CORUÑA
Comité de Alcoa antes de reunión en Madrid. COMITÉ DE ALCOA EN A CORUÑA
Juan Carlos López Corbacho
Juan Carlos López Corbacho | Fonte: Facebook
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta