SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2018 | Actualizada ás 08:50 por EUROPA PRESS
A finalista de "Operación Triunfo" Sabela Ramil será aencargada de dar a saída da IX San Silvestre Coruña, que arrincará este luns na cidade, ás 17,00 horas.
A cantante das Pontes estará no Obelisco cos 4.500 corredores para entoar, como é habitual, o popular "O Miudiño" antes de empezar a competición.
A San Silvestre Coruña, que organiza o Club Rialto e na que colabora o Concello da Coruña, conta este ano con varias novidades.
As principais son o número de corredores, que se incrementa en 500 con respecto a 2017, e a idade de participación, que se rebaixou até os 11 anos. Entre os inscritos hai preto de medio centenar de atletas desta idade e son máis de 250 os menores de 15 anos.
Os maiores da proba, os que superan os 60 anos, son ao redor dun centenar. Os máis veteranos entre quen sairán do Obelisco son Enrique e José Luís, de 78 anos, na categoría masculina, e Pilar, de 75, na feminina, indica a organización.
Nesta ocasión, engadiuse tamén a posibilidade de competir como equipo de empresa, categoría que se suma ás oito xa existentes por idades e ás dúas ao mellor disfrace, tanto colectivo como individual.
A competición terá un percorrido urbano que partirá do Obelisco e chegará a María Pita, de forma similar ás últimas edicións, cunha distancia de aproximadamente 7 quilómetros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.