A culpa non só é da Xunta

Levaba tempo querendo facer esta artigo pero por unhas ou por outras non me decidía. Pero penso que vai xa sendo o momento de dicir algunhas verdades que, quizais, a moitos, non lles guste escoitar pero que eu tiña a necesidade de contar.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/07/2011

Comparte esta noticia

A prensa en galego morre. Morre paseniña. Tan paseniñamente que non queremos aceptar que, quizais, nun par de anos, o futuro do galego en papel sexa inexistente. Ben é certo que está Internet. Moito se escoita falar de Internet, da rede, dos blogues, e do ben que se defende o galego nese ámbito. Pero tamén é certo, que a rede é, hoxe por hoxe, un medio minoritario, a pesar das mensaxes narcotizantes que lanza un día si e outro tamén a Xunta de Galicia sobre o ben que están as conexións e o uso de ordenadores en Galicia. Un ranking que nos pon á cola do Estado, onde semella que seguiremos moitos anos.

O certo é que o tempo pon a cada un no seu sitio, ou ese é o dito recorrente ao que acudimos moitos. E o tempo para o galego corre marcha atrás e, obviamente, nun sitio que non lle corresponde. Pero o tempo que temos é o que nos tocou vivir; primeiro, aturar cunha crise económica que abafa aos máis débiles --e o galego, por suposto, entra nas quinielas--, segundo, porque hai un Goberno votado polos galegos que, a dicir verdade, fai ben pouco ou case nada pola difusión da nosa lingua e, por último, porque a sociedade galega está ou vive anestesiada.

E imos por partes. A crise. si. Hai crise, unha crise brutal. Tan brutal que desde que teño uso de razón non lembro cousa igual. E máis que vai a caer, senón, tempo ao tempo. E esta crise afecta a todos e a todo, incluídos, obviamente, os medios de comunicación. Desde hai dous anos para acá houbo despidos, baixas incentivadas ou EREs en practicamente todos os medios galegos, grandes e pequenos. Uns aguantan mellor e outros peor, pero a todos lles toca.

E, si. É certo. Uns resisten mellor porque teñen a axuda da Xunta... Que sería da Xunta, dese maná que nunca se acababa... ata agora. Porque, efectivamente. A Xunta tamén pechou a billa para os medios de comunicación. Desde logo, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, La Región, El Correo, etc, etc seguen recibindo axudas pero xa non son as que eran, polo menos, nalgúns destes medios. E iso é moi doado de comprobar só con mirar como, ás veces, algún que outro medio lanza dardos contra a Xunta, especialmente, La Región. E iso, na época de Fraga, era case que un pecado.

Pero, amigos, falemos con propiedade e non nos poñamos toda a venda nos ollos. A culpa non só é da Xunta. Que Feijóo diga agora que en Democracia é imposible que os gobernos pechen medios é unha frase recorrente e de cara á galería. Todos sabemos que poden facer pechar non só un, senón moitos medios. Xa o fixeron e o seguirán facendo. só teñen que pechar a billa do maná e... voilà!.

Pero tamén é ben certo que algúns dos medios en galego que pecharon, fixérono pola mala xestión da súa dirección ou xerencia por moi galegos que foran. E iso, son cuestións que non se poden esquecer. E os traballadores despedidos de moitos destes medios, algúns con ERE polo medio, ben o poden acreditar.

E chegamos ao terceiro punto que, para min, é o máis importante. E venme á mente aquela frase de Eurípides: "A miña lingua promete, pero a miña mente aínda non prometeu". Esa é a mesma sensación que teño eu con boa parte da sociedade galega, moita da que se di galego falante e de esquerdas. O outro día caíame a cara de vergoña ao comentar isto cun amigo xornalista catalán que non entendía como en Galicia podían acontecer tales cousas e que non houbera, a pesar da presión da Xunta, quen sustentara economicamente unha prensa diaria en galego. "Aquí iso sería imposible". E que gran verdade. Os galegos, desde logo, non somos nin como os cataláns, nin como os vascos.

Galicia Confidencial hai algún tempo que apostou polo xornalismo libre e sustentable. E, aínda así, con toda a nosa dedicación, con todos os nosos padecementos --que non son poucos--  e a pesar de estar en listas tan negras coma o carbón, os galegos, tanto os galegos a secas coma os que se din máis galegos que todos os galegos, seguen sen apostar por nós. Por iso, xa adianto que o día que o GC desapareza non será só culpa da Xunta.

Quizais, o verdadeiro problema dos galegos, é que non estamos maduros para sustentar e manter un medio en galego. Independizarnos deses prexuízos segundo os que a defensa do galego é unha labor institucional e non persoal, unha maratón e non un 'sprint', un compromiso e non unhas palabras ao vento. Quizais cando nos queiramos dar conta disto estaremos xa fora da nosa sociedade e, como diría Aristóteles, seremos bestas ou deuses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA