Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2019 | Actualizada ás 21:45
Di a lenda que o mestre Mateo colocou a súa figura no propio Pórtico da Gloria que el mesmo creou, pero que foi reprobado polo arcebispo e decidiu entón a instalación do seu autorretrato na base da columna do parteluz, mirando cara a nave principal da basílica, supostamente ofrecendo a súa obra cume ao apóstolo Santiago. A figura porta na man esquerda unha cartela que se borrou e na que, segundo a lenda, se lía a palabra en latín "architectus". E aí quedou xustifcada a identificación desta figura coa do primeiro grande artista do Medievo en Europa. Pero isto non é máis que unha "falsidade histórica". Así o afirma Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
Quen é entón ese personaxe que identificamos como o Santo dos Croques? Segundo Vigo Trasancos, hai razóns plausibles para identificalo co "pobo de España e Galicia" cristianizado polo apóstolo Santiago. Pero para chegar aí, primeiro hai que desmontar a lenda de que se trata dun autorretrato do Mestre Mateo, que perdurou por case dous séculos.
"Debe afirmarse que tal suposición, do mesmo xeito que a que quere ver na figura do axenlloado a imaxe xenérica dun artista ou arquitecto, debe considerarse unha falsidade histórica que non vai máis aló do século XIX, aínda que sexa certo que, desde entón, a pesar dalgunhas críticas, segue resistíndose a morrer", expón o catedrático.
"Todo parece indicar que a «falsidade histórica”» sobre o autorretrato do mestre e o seu famoso vocábulo deberon xurdir en 1850".
De feito, Alfredo Vigo Trasancos subliña que en toda a bibliografía histórica consultada anterior ao século XIX, "non hai ningunha referencia ao mozo axeonllado do parteluz máis aló dunha breve nota posta á marxe do exemplar do Codex Calixtinus da catedral (fol. Lxxvj, Lib. I, cap. XVII) que a identifica cunha muller de nome «Compostela» que, di a glosa, “«est in poste ad caput Petri moniz archiepiscopi»; é dicir, que estaba moi preto do desaparecido sepulcro primitivo do arcebispo Pedro Muñiz que hoxe foi substituído por unha lápida de bronce moito máis moderna". Unha nota que se sospeita que se debeu poñer cara a 1400. Isto, segundo o experto, "pon de manifesto que, xa para entón, a figura do mozo axeonllado era xa controvertida, pois a identifica cunha imposible imaxe de muller que, ademais, levaba o nome da cidade do Apóstolo". Non había "ningunha mención a Mateo" nin "tampouco á palabra escrita na citada cartela [«architectus»]".
Nun repaso minucioso por varios estudos e análises ao longo da historia, Vigo Trasancos observou que ningún autor mencionou nin a Mateo nin a devandita palabra en latín. "Todo parece indicar que a «falsidade histórica”» sobre o autorretrato do mestre e o seu famoso vocábulo deberon xurdir xusto" a mediados do século XIX.
O catedrático da Universidade de Santiago identifica a Matilde Mateo e Serafín Moralejo como os primeiros autores en atribuír a unha narración do escritor compostelán Neira de Mosquera a identificación desta figura do Pórtico cun presunto autorretrato do Mestre Mateo, pois así o indica este autor en Historia dunha cabeza.
Vigo Trasancos cualifica o relato de Neira como algo "fantasioso", xa que "aínda que toma a historia como transfondo, non deixa de subordinala á narración novelada que el nos quere transmitir, chea de licenzas históricas".
"Non é, pois, o seu texto, un traballo de investigación histórica convencional; todo o contrario, trátase dun relato histórico-novelesco que participa de todo tipo de fantasías. E entre elas conta o escritor que o Mestre Mateo, arquitecto de palacio do rei Fernando II, orgulloso da súa gran realización no Pórtico da Gloria, se atreveu a autorretratarse na figura do novo axeonllado que aparece no ángulo esquerdo do gran tímpano compostelán levando nas súas mans unha columna –en realidade trátase dun anxo cun dos símbolos da paixón de Cristo ou 'Arma Christ'”–, que el interpreta como un claro elemento da súa profesión de arquitecto", clarifica Vigo Trasancos.
"Posta a semente, era cuestión de tempo que fosen brotando novas e ampliadas interpretacións" dunha lenda que foi tratada como unha "verdade histórica".
Na sua labor de desmontar a "falsidade", o historiador lembra que Neira escribiu que o día da inauguración oficial do Pórtico da Gloria, no ano 1188, a multitude que o contemplaba se decatou de que o Mestre Mateo se autorretratara —segundo a lenda— no mesmo Pórtico da Gloria, entre os benaventurados, polo que, indignado, o arcebispo Pedro Suárez de Deza reprendeu o artista, obrigándolle a facer desaparecer a súa cabeza da figura se non quería ser excomulgado. A lenda di que Mateo eliminou o seu retrato da cabeza e substituíuna por outra que representaría a Sansón, pero colocou unha figura que o volvese evocar como autor da obra, ás costas do parteluz, mirando ao altar, aínda que, non sería un autorretrato, senón un símbolo que representaría “un artista calquera e non o Mestre Mateo”, que contemplaríade xeonllos, desde o Pórtico, ao apóstolo Santiago, para que desta maneira devolva “o artista a Deus a faísca de luz celestial que depositou na súa cabeza”.
Isto é o que xustificaría, segundo Vigo Trasancos, que se tomase a efixie do arquitecto por un voto do relixioso Mestre Mateo, polo que, di Neira, “de século en século chegou ata nós a tradición de que esta imaxe representa o enxeño tributando respecto e admiración ao poder divino”, do que resultou que a imaxe fose coñecida como Santo dos Croques.
A interpretación de Neira "non foi máis que o principio". "Posta a semente, era cuestión de tempo que fosen brotando novas e ampliadas interpretacións", di o catedrático, que recorda como a partir dese momento, a mediados do século XIX, varios autores insistiron en tratar a lenda como unha "verdade histórica", identficándose esa figura como un autorretrato do Mestre Mateo.
Foi en 1866, cando o historiador do prestixio de José Villaamil y Castro se converteu no primeiro que firmou que a estatua de Mateo levaba escrita na súa cartela a palabra "architectus", algo logo repetido por Antonio Zepedano y Carnero, cóengo da catedral, que en 1870 volveu dicir que a estatua axeonllada levaba escrita esa palabra en latín, "convertendo esta afirmación nunha verdade incontestable", logo tamén repetida por outros historiadores, aporta Vigo Trasancos.
"A razón de por que se estendeu esta falsidade histórica entre tan destacados historiadores, non a chegamos a comprender máis aló de que resulta moi atractiva nunha época que sentiu especial interese pola arte medieval e as biografías dos grandes artistas convertidos moitas veces en auténticas lendas", prosegue
O catedrático recorda que a partir da década de 1880, á vez que se seguiu insistindo en que a figura é un retrato do Mestre Mateo, tamén se empezou a poñer en dúbida que tivese inscrita a palabra "architectus". Os primeiros en facelo foron, en 1880, José María Fernández Sánchez e Francisco Freire Barreiro na súa obra 'Santiago, Jerusalén, Roma: diario de una peregrinación á estos y otros santos lugares de España, Francia, Egipto, Palestina, Siria é Italia en el año de 1875'.
Villaamil y Castro, corenta e tres anos despois, xa en 1909, deixou escrito en La catedral de Santiago: “Antigamente, segundo algúns, estaba escrito «architectus»”, proba, segundo Vigo Trasancos, de que era "consciente seguramente do erro que cometera".
O catedrático defende que a palabra "architectus" que supostamente estaba inscrita na figura "intégrase mal" no contexto medieval do século XII, pois "non era habitual denominar así aos responsables dunha obra arquitectónica".
Todo parece indicar, polo tanto, que "calquera identificación do orante con Mateo, coa representación xenérica dun arquitecto, co 'Santo dos Croques' ou 'Santiña da Memoria' ou coa suposta certeza de que levaba na man a cartela coa citada palabra alusiva á súa profesión, non parece en absoluto que se poida retrotraer máis aló de 1850, 1861 ou 1866 respectivamente, coincidindo xustamente co auxe do romanticismo e co rebrotar do historicismo medieval que quixo poñer en valor toda a artisticidade do Pórtico da Gloria; e xusto no tempo en que o pintaba Jenaro Pérez Villaamil, o fotografaba Charles Thurston Thompson, o rescataban do silencio tantos cultos eruditos e alcanzaba a fama inmortal a través do baleirado que, por ese tempo, se expuxo nunha das salas do South Kensington Museum de Londres tal como estudou con precisión Matilde Mateo", argúe Vigo Trasancos.
Por outra banda, o catedrático defende que a palabra "architectus" se "integra mal" no contexto medieval do século XII, pois "non era habitual, e menos en España, denominar na Idade Media «architectus» aos responsables de deseñar ou levar a cabo unha obra arquitectónica". De feito, o historiador non dubida en aseverar que a suposta inscrición desa palabra foi unha "invención decimonónica seguramente cargada de intencións e non pequena erudición".
O habitual, di, era denominalos como “caementarius", “atomus” ou "magister”. Para maior confusión, recorda que fórmulas como a de “sapiens architectus”, que aparecen con frecuencia nos documentos medievais, "non se refiren ao arquitecto, senón ao comitente, ao que se parangona co «sabio arquitecto» da Carta de San Pablo aos Corintios".
En todo caso, Vigo Trasancos asume que en época romana era común que todos os técnicos dedicados á construción se autoproclamasen “architectus”, pero matiza que "co tempo, na Idade Media, o termo caeu en desuso" porque "o concepto clásico de arquitecto representado por Vitruvio foi substituído por outro: o arquitecto como mestre construtor que, tomando os seus títulos do mundo das agrupacións masónicas, preferiu asumir os termos xa comentados".
Para o historiador, "nada ten de estraño que, en referencia a Galicia, na tardía Idade Media se siga denominando os principais construtores ou arquitectos que levan a dirección dunha fábrica, «mestre da obra» –sen dúbida, derivado de «magister operis»– ou «maestre/mestre/ meestre da obra», tal como poñen de manifesto bo número de documentos referidos ao período".
Vigo Trasancos tamén subliña que a figura xuvenil do suposto autorretrato do artista tampouco leva ningún atributo que permita identificalo cun arquitecto ou construtor, malia que na Idade Media xa era habitual identificar o cargo do mestre de obras cunha autoridade que adoitaba levar na man unha vara de medir ou calquera outro instrumento, como bastón de mando, compás ou escuadra.
Algúns autores identificaron a enigmática figura coa dos peregrinos ou co rei Fernando II de Galicia e León, pero Vigo Trasancos refuta estas hipóteses.
HÉRCULES NO PÓRTICO DA GLORIA?
Descartado que a figura axeonllada do Pórtico faga alusión ao Mestre Mateo ou a calquera arquitecto ou artista en xeral, e tamén que tivese no seu día gravada a palabra "architectus", o catedrático da Universidade de Santiago afirma que "todo parece indicar que o personaxe que hoxe coñecemos como 'Santo dos Croques' debeu de ter outra identidade fácil de recoñecer no seu día grazas ao auténtico vocábulo que levaría na cartela e que hai séculos desapareceu".
Varios autores exploraron a enigmática figura do parteluz, propoñendo outras identidades. Por exemplo, Manuel Núñez, identificouna con “Meus peregrinus”, isto é, coa imaxe do peregrino devoto e arrepentido que se achegaría ao santuario xacobeo en actitude penitente, o que ten, para Vigo Trasancos, "bastante sentido, tendo en conta a condición de centro de peregrinación que tiña o santuario xacobeo desde a Alta Idade Media".
Con todo, matiza que "é difícil de aceptar que un peregrino non leve ningún atributo identificativo" propio dos que facían a ruta Xacobea, como impoñía o Códice Calixtino. Ao que hai que engadir que a figura cuestionada viste de "maneira bastante clásica e elegante, máis distinguida do habitual", oposto á vestimenta dos peregrinos, que adoitan representarse con roupas máis humildes, como compara Vigo Trasancos.
Outros analistas suxiriron que se trataría do monarca Fernando II, promotor do Pórtico, protector de Mateo e enterrado na catedral en 1188. Esta suposición apóiase na inscrición F ou FE, que podería facer referencia a este rei. "Con todo, tratándose do rei de León e de Galicia e dun personaxe de tanta categoría que varias veces se autoproclamó «Hispaniarum Rex», resulta estraño que non leve ningún distintivo rexio como sería, obviamente, a coroa", replica Vigo Trasancos.
Tamén ve "atípico" que se represente a un rei nunha "imaxe tan xuvenil e lampiña" cando a idade dos personaxes no Pórtico "ten moi precisos significados".
O catedrático tamén lembra que son numerosas as representacións de Fernando II con barba e coroa.
Para resolver o misterio da identidade desa figura, Vigo Trasancos cre que debe poñerse en relación directa coa outra figura que tamén se atopa na base do parteluz pero, neste caso, mirando claramente cara a occidente. De feito, di que son figuras "complementarias", que foron "concibidas como o feixe e o envés", aínda que recoñece que nelas hai que facer "interpretacións contrapostas, tal como parecen indicalo as súas propias posicións atopadas, a súa distinta actitude e ata a súa relación diferente coa mesma arquitectura".
O historiador defende que a vigorosa figura con barba e apoiada sobre dous poderosos leóns é Hércules, personaxe mitolóxico clave para identificar a figura que se atopa no lado oposto do parteluz.
Esoutra figura porta tamén unha cartela cunha lenda baixo o seu peito que desapareceu, e igualmente é moi controvertida. Como describe Vigo Trasancos, "representa un personaxe vigoroso, de rústica barba, cheo de ímpeto vital que aparece, ademais, botado literalmente coa súa túnica e os seus pés descalzos sobre dous poderosos leóns que agarra con forza polas súas fauces en clara expresión de dominio".
Xunto a isto, o catedrátrico destaca que "tan poderosa figura aparece así mesmo esmagada con contundencia polo alicerce do parteluz, da mesma maneira en que o están todos os animais, monstros e homes –tamén controvertidos nos seus significados– que aparecen oprimidos nos basamentos polos restantes alicerces do Pórtico".
Que interpretación fai o experto? Pois que "todo o que se atopa debaixo, esmagado e sometido pola arquitectura, parece querer subliñar a imaxe simbólica do triunfo da parte superior dominada pola Gloria". Por este motivo, sexa cal for a identidade desa figura, debe ter "un claro significado negativo", xa que, "esmagado como está, parece asociarse con aquel sobre o que se venceu", polo que "identificalo con Sansón, con Adán, con Daniel, con Gilgamés ou mesmo con Fernando II ,como algunha vez se propuxo, non me parece que sexa correcto", argumenta o historiador.
Outra das propostas en relación coa figura do home fornido do parteluz é a de que se trataría de Hércules, que defende tamén Vigo Trasancos, baseándose en que "estaría perfectamente xustificada polas claras e antigas relacións do heroe clásico coa Península Ibérica, estar a figura nun punto clave e capital do santuario do Apóstolo que era considerado o patrón das Españas –na base da columna do parteluz onde está a figura sedente de Santiago que conduce directamente cara á Gloria– e porque o personaxe podería asociarse perfectamente coa Monarquía Hispánica, coa imaxe da forza e, está claro, tratándose de Hércules, co gran heroe que sabemos dominou ao león de Nemea".
É dicir, para o catedrático a figura de Hércules podería moi ben "relacionarse cun portal, como o da Gloria, que estaba nos confíns de España, que era obra de patrocinio real e dun rei, como Fernando II, que non dubidaba en autoproclamarse “Rey da Españas” para deste xeito lembrar a súa preeminencia sobre todos os demais soberanos ibéricos".
O historiador salienta que "a relación de España con Hércules vén, de feito, desde a mesma Antigüidade, pois se asocia ao heroe tebano coas Columnas de Hércules de Xibraltar, coa vitoria sobre o rei e tirano Gerión e aínda se chegou a afirmar que morrera no noso país e que os seus restos estaban depositados nun templo de Cádiz".
Di, por exemplo, unha lenda que á Península viu o rei grego Hércules, quen tras loitar, vencer e matar a Gerión, conquistou todo o país poñéndose á cabeza dunha nova estirpe de reis españois, esta vez de orixe grega, e que sería, ademais, o responsable de que España se poboase de ídolos pagáns.
"Hércules estaría aquí representado na súa condición de conquistador do país, fundador da nosa monarquía".
Son varios os relatos mitolóxicos que estableceron un vínculo lendario de Hércules (o Heracles dos gregos) coa Península Ibérica. E Vigo Trasancos relaciona precisamente a figura do home dominando a dous leóns do Pórtico da Gloria con este personaxe mitolóxico.
"Non me parece incorrecto que a figura do Pórtico sexa, como propoñemos, Hércules, que aquí estaría representado na súa condición de conquistador do país, fundador da nosa monarquía ao deixar como herdeiro a Espan, pero tamén por ser o responsable de introducir en España a idolatría. E isto explicaría que, a pesar de representar o noso país, no Pórtico se lle represente no basamento e esmagado polo parteluz que está presidido pola figura sedente do apóstolo Santiago que, por certo, leva aos pés da súa cadeira curul as figuras de dúas sumisos leonciños", detalla o profesor.
Vigo Trasancos defende, ademais, que a relación do Hércules esmagado co Santiago sedente do partelu é "perfectamente coherente", xa que "Hércules representaría a España, pero unha España antiga e ancestral, post-patriarcal –lémbrese que as crónicas máis vinculadas á monarquía consideraban que o primeiro poboador de España fora Túbal, un neto de Noé e que na desaparecida fachada do Pórtico estaban varias representacións do que se supoñen eran vellos patriarcas bíblicos: Abraham, Isaac…?– que adoraría pola súa culpa aos falsos ídolos". E o apóstolo Santiago sería "o evanxelizador, o encargado de vir a España por desexo expreso de Xesús para ensinarnos o evanxeo e converternos á nova fe de Cristo", explica o historiador.
É dicir, quer sobre o "esmagado e pagán Hércules" apareza a figura "serena e beatífica" do apóstolo Santiago mostra que o segundo é "o artífice da nosa evanxelización" e que "nos conduciría pola vía máis directa á contemplación do Salvador que preside a Gloria con todos os benaventurados", engade Vigo Trasancos.
"POBO DE ESPAÑA E GALICIA"
Como se explica entón a enigmática figura posterior axeonllada do parteluz que mira cara a oriente, onde está a outra imaxe sedente do Apóstolo e cara á capela do Salvador que coroa a cabeceira da catedral compostelá? Para Vigo Trasancos, trartaríase dunha representación "renovada, cristiá, penitente e positiva" oposta ao "primitivo e barbudo Hércules pagán, violento e maligno do basamento do Pórtico".
Hipótese que quedaría reforzada pola "imaxe xuvenil, aristocrática e case idealizada da figura axeonllada", a cal "podería representar unha especie de 'figura epónima' dun novo e xove “Pobo de España e Galicia [...] agora convertido ao cristianismo por Santiago que así se mostraría, na súa nova personalidade post-hercúlea, libre do peso da arquitectura do parteluz, en actitude penitente e axeonllada —de aí o seu xesto de darse un golpe no peito de arrepentimento— con elegante vestido ante o seu santo patrón Santiago e ante o seu supremo Facedor representado polo Salvador". E isto, finaliza Vigo Trasancos, "parecen suxerilo, en efecto, dous novos parágrafos do Calixtino, esta vez sacados do sermón do papa Calixto e que se atopan no Veneranda dies".
Alfredo Vigo Trasancos vén de publicar a súa análise nun artigo titulado 'Historia de una invención: realidad y ficción del supuesto autorretrato del Maestro Mateo en el Pórtico de la Gloria', publicado na revista Quintana, editada polo Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.