Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/01/2019 | Actualizada ás 12:08
A asociación 'Academia Real Isaac Díaz Pardo' organizará un acto que terá lugar o vindeiro domingo a partir das 12,30 horas no cemiterio santiagués de Boisaca para homenaxear ao intelectual no sétimo aniversario do seu falecemento.
O acto, conducido pola escritora Carmen Blanco Ramos, comezará cunha procesión cívica ata a tumba de Díaz Pardo precedida do grupo de gaitas 'Os Catro de Vigo', que interpretarán a 'Marcha do Antigo Reino de Galicia'. Ademais, Isabel Fonseca López recitará o poema 'Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados' do escritor Lorenzo Varela.
Posteriormente, o escritor Perfecto Conde, Gregorio Ferreiro Fente, Manuel Lourenzo e Carlos Núñez recitarán unha serie de discursos en honra ao homenaxeado. Ademais, a compositora e cantante Bea a de Estrela interpretará unha canción.
Na segunda parte da homenaxe, destacados da literatura galega como Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Sabela Hermida, María Xosé Queizán, Manuel Landeira e Manuel Ucha, recitarán unha serie de poemas acompañados doutra actuación de Bea a de Estrella.
Posteriormente, Mar Lías Barrientos e Pablo Pensado Pérez realizarán unha ofrenda floral e de mazás a Isaac Díaz Pardo. Tamén se soltarán pombas e Xesús Alonso Montero dará unhas palabras para clausurar o acto. Escoitaranse tamén varios fragmentos de "os tres himnos de Isaac": o 'Himno Galego', o 'Himno de Rega' e 'A Internacional'.
Nun comunicado, a asociación mostrou o seu agradecemento aos artistas plásticos Roi Cagiao e Antón Pulido "pola súa desinteresada colaboración" e lembra que os textos lidos na xornada de homenaxe publicaranse de inmediato nun opúsculo que editará a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.