Cumprirmos as penas na Galicia

A Lei Orgánica Xeral Penitenciaria dispón que cada área territorial habería ter establecementos con capacidade abonda para satisfacer as necesidades de reclusión e evitar o desarraigo social dos penados. As Regras Penitenciarias Europeas dispoñen que os presos han ser destinados ao cárcere máis preto do seu domicilio que resulte posíbel.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 20/01/2019

Comparte esta noticia
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ten condenado o afastamento xeográfico dos presos con respecto á súa residencia familiar como vulneración do dereito fundamental á protección da súa vida familiar. As familias non poden ser obxecto do castigo.
 
Son ducias as persoas galegas cumprindo penas fóra do noso País, cando temos nel cinco cárceres (Monterroso, Teixeiro, A Lama, Bonxe e Pereiro de Aguiar), abondas para aloxalas. O problema é que a Administración penitenciaria española usa ás veces o afastamento das persoas presas como mecanismo adicional de represión, en aberta violación da lexislación e xurisprudencia estatal e europea.
 
Un suposto especial é o caso dos presos independentistas Roberto R. Fiallega e Eduardo Vigo, condenados por posesión de explosivos e falsidade documental con pertenza á banda armada a 13 anos e 9 meses de prisión, logo de que o Tribunal Spremo rebaixase a inicial penal de 18 anos imposta por un Tribunal da Audiencia Nacional presidido por Alfonso Guevara, que amosou na dirección dos debates do xuizo, aló por xuño de 2013, unha evidente hostilidade e parcialidade. De seren xulgados por calquera das Seccións penais das catro Audiencias de Galicia as penas para os seus delictos (certamente graves, malia  que a pertenza a unha organización específicamente terrorista sexa moi discutíbel) non acadarían nin a metade da súa extensión. Outravolta a AN como Tribunal de excepción, máís pendente de reprimir ca de administrar unha xustiza neutral.
 
R. Fiallega e Vigo cumpren sentenza nos cárceres casteláns de Ocaña e Dueñas. A súa situación agrávase pola rigorosidade da súa cualificación penitenciaria, en primeiro grao, tendo que botar 20 horas ao día na cela-  Tamén o preso independentista Raúl Agulheiro, condenado en conformidade a sete anos e medio de prisión, cumpre a pena en Villabona (Asturias), lonxe do fogar familiar.
 
As súas familias e os amigos da Asociación Que Voltem! só piden que poidan cumprir cadansúas penas na Galicia e que se lles aplique o réxime ordinario. Humanizarmos a pena, afastándonos dun exceso represivo impropio dunha democracia.

Prisión de A Lama
Prisión de A Lama | Fonte: Pontevedraviva.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.