Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2019 | Actualizada ás 18:18
A Cámara galega aprobou este luns unha iniciativa de En Marea —transaccionada co PPdeG— na que reclama ao Goberno central que busque investidores industriais para as plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, en colaboración cos gobernos galego e asturiano.
Este acordo, que saíu adiante na comisión de Industria, busca atopar un investidor antes do 30 de xuño, data ata a que Alcoa manterá o emprego en función do preacordo alcanzado cos sindicatos —que se vota este luns nas diferentes quendas de traballo das fábricas—. Para iso pídese activar os instrumentos públicos de apoio e acompañamento ao investidor.
O preacordo mantén o cento por cento do emprego só ata o 30 de xuño á espera de atopar comprador. A partir desa data, seguirían só 114 empregados na fábrica da Coruña e 91 na de Avilés coa actividade das fundicións e a da torre de pasta na instalación coruñesa. Ao resto, aplicaríanselles despedimentos, prexubilacións e recolocacións en San Cibrao, en Cervo (Lugo).
Así mesmo, a iniciativa apoiada este luns polo Parlamento demanda medidas de política industrial, así como garantir a continuidade do emprego en ambas as plantas.
Tamén se empraza a desenvolver un marco enerxético estable e instar o Ministerio de Industria a establecer nun período de cinco meses unha nova regulación enerxética, que sexa similar a outros países europeos e faga viables esta e outras industrias electrointensivas. Ademais, demanda que o Goberno central execute de forma inmediata a partida prevista en 2018 de 150 millóns para mellorar a viabilidade destas compañías.
APOIO AO EMPREGO EN ISOWAT
Por outra banda, nesta comisión tamén saíu adiante outra iniciativa de En Marea —por unanimidade tras transacción co PPdeG—, na que se insta á Xunta a levar a cabo actuacións necesarias para atopar un investidor ou posible comprador para o mantemento do emprego na planta de Isowat Made da Coruña, que conta actualmente con 76 empregados e atópase en concurso de acredores.
Así mesmo, pídese ao Ministerio de Industria que colabore coas iniciativas necesarias para dar unha solución á empresa, mentres se piden medidas para o mantemento do emprego.
Tamén se chama a que o administrador concursal segregue a actual compañía en dúas, por unha banda Isowat e por outro Made, para buscar solucións independentes en cada unha dela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.