Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2019 | Actualizada ás 20:35
O Comité de Empresa da compañía Isowat, empresa de fabricación e subministración de material eléctrico situada na Coruña, non teñen constancia da presentación de ningunha oferta de compra, unha vez que o prazo establecido finalizou este venres.
Cándido López, presidente do Comité de Empresa, explicou a Europa Press que, de momento, descoñecen de forma oficial se existe algunha oferta presentada e que "todo son rumores". A primeira fase do plan de liquidación da empresa, que conta con 76 empregados, fixaba de prazo ata o venres ás doce da noite para a presentación de ofertas pola compañía. No caso de que non se reciba ningunha, nunha segunda fase, valoraríanse ofertas polas instalacións ou a maquinaria, no caso de que existisen.
Á espera de que a próxima semana se aclare o futuro da compañía, os traballadores móstranse moi críticos coa actitude das administracións, tanto da Xunta como do Goberno, e compárana co apoio recibido pola outra planta de Isowat, situada en Medina del Campo, por parte da Junta de Castilla y León.
"O que nos queda é o resquemor vendo que en Medina a Junta puxo máis artillería para chegar un acordo e buscar un investidor e buscar un apoio, aquí vimos disposición pero implicación non foi o suficiente", censurou, criticando o papel desenvolvido pola Xunta.
O peche da empresa da Coruña, recorda, chegará en "un momento no que no que o sector enerxético ten un repunte con moitísimo traballo" e reprocha á Xunta que non faga "movementos de máis calado por un negocio que ten saída e continuidade e deixa un oco que será cuberto por empresas de Cataluña e o País Vasco".
En todo caso, o presidente do Comité tamén amplía as súas críticas ao Goberno, ao que censura a ausencia de "movementos" e de "apoio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.