O reitor de Santiago reclama á Xunta "máis recursos para a universidade pública"

Antonio López subliña a necesidade de reconfigurar o plan de financiamento universitario, xa que o actual, vixente ata 2020, foi concibido durante os anos da crise económica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2019 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, reclamou este luns que o novo plan de financiamento para as universidades, que se fixará pola Xunta a partir de 2020, "achegue máis recursos para a universidade pública".

Inauguración do curso da USC con Antonio López. USC
Inauguración do curso da USC con Antonio López. USC

López fixo estas declaracións durante a súa participación na festividade de Santo Tomás de Aquino en Lugo, onde subliñou a necesidade de reconfigurar o plan de financiamento universitario, xa que o actual, vixente ata 2020, foi concibido durante os anos da crise económica.

"É un plan de crise, de recursos escasos, que nos está permitindo subsistir pero con moitísimas dificultades", censurou o reitor da USC, que apelou a que "a universidade fixo e está a facer o esforzo que se lle pediu a todas as administracións na crise, pero esta non é unha situación que se poida manter no tempo".

"É unha situación excepcional para un período excepcional, pero temos que conseguir que o novo plan de financiamento achegue máis recursos para a universidade pública", reivindicou.

"FUGA" ÁS UNIVERSIDADES PRIVADAS

Antonio López, cuestionado sobre a "fuga" de estudantes á privada, comentou que os "recortes non afectaron tanto o número de prazas que ofertan, que se mantiveron, pero si que afectou directamente os recursos" dos que dispoñen as universidades.

"Non diría que hai unha relación directa, pero si hai unha relación indirecta no sentido de que dispomos de recursos limitados e ás veces o servizo que estamos a prestar, se cadra, non ten a calidade que merece a universidade pública que todos defendemos", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta