Por Gabriel Rei-Doval | Buffalo (Wyoming, USA) | 29/01/2019 | Actualizada ás 12:00
Saír do refuxio do oso rumbo oeste levoume ata Buffalo, ó pé do Bighorn National Forest do indómito Wyoming. Aloxado na Rodeway Inn, saín cara ó centro na salvaxe compaña de Dahon e acabei axiña seducido polos encantos de Main Street. Mentres a brisa estival acababa de masaxea-la miña pel mugardesa xurdiu de súpeto Clear Creek Middle School. Desde as bancadas do seu estadio, o público animaba con fervor maternal o adestramento futbolístico do colexio. O empuxe dos adolescentes e o orgullo das familias que os apoiaban trouxeron á miña memoria os anos das carreiras populares en que aínda soñaba con bater récords maratonianos estilo Charriots of Fire. A cara daquelas nais reflectía esa mesma ilusión, quizais por ve-los seus fillos conseguir trofeos que a vida pretérita lles negara a elas.
De volta en Main Street, deixei a Dahon descansando ó pé do Occidental Hotel mentres eu procuraba un lugar tranquilo para cear en horario temperán de Wyoming. A barra da Clear Creek Cantina pareceume un lugar acaído para degustar carbohidratos de inspiración chilanga baixo os efectos anestesiantes da empatía de Rebekah. Co local case baleiro, a barra era sen dúbida o mellor enclave para nutrir corpo e alma en amigable compaña.
O seu sorriso de semi-melena loura crecha convidaba á parola desinhibida alén da convencional procura de xenerosa propina. Como Patrick aínda non saíra da súa rolda xornalística no Buffalo Bulletin, e sen o atafego doutros días na cantina, ela prestouse a compartir privacidades co desapego que lle permitía a conversa anónima cun mugardés transeúnte.
Rebekah mudárase por imperativo cupidesco desde a veciña Nebraska, deixando atrás a profesión do traballo social que non renunciaba a recuperar na vida futura. De momento, as conversas da cantina e o coidado matutino de anciáns enchían os seus días ata que no serán arribaban, aínda frescas e saltando, as historias que Patrick traía do xornal con alegría portuaria. Seica a máis memorable fora a de Don Sammons, veterano da guerra do Vietnam e derradeiro habitante de Buford, que lle vendera a vila pantasma sureña de Wyoming a un emprendedor de Ho Chi Minh para o vietnamita iniciar un negocio cafeteiro.
Recorrendo ó costume tan estadounidense de inventar distopías anacrónicas, retruqueille a Rebekah que aquela historia me lembraba a do derradeiro dos mohicanos. Patrick e Sammons no fondo concordaban; a vida decide en por ela cando toca cambiar de rumbo, mesmo se iso implica renunciarmos a conviccións e identidade propias. Mais a Rebekah seica o idealismo a fixera devalar rumbo noroeste para compartir vida co seu home. Patrick desapegábase sen dificultade de afectos propios e alleos fitando o seu embigo profesional, mentres ela, por non estar soa, semellaba esquece-los proxectos vitais propios coa escusa de compartiren soños e vivencias cotiás na parella.
Tras mudarse a Buffalo, Rebekah renunciara, como Sammons fixera tras anos en Buford, a se-lo derradeiro dos mohicanos, mesmo se para iso debía servir tacos e coronitas na cantina de Buffalo. Se-la derradeira, sexa mohicana, celtíbera ou habitante de Buford, está á altura só das guerreiras da liberdade total, e o prezo da autenticidade non tódalas mortais queren pagalo.
Mentres saía do local preguntábame se os golpes da vida darían esfarelado as ilusións de Rebekah e algún día recuperaría a súa voz e autenticidade latentes. Mentres Patrick só mostraba avidez por triunfar no Buffalo Bulletin do Wyoming grande e profundo, a morriña dela pola familia de Nebraska competía no seu maxín co devezo por ve-lo mar desde unha gran urbe da costa oeste. De momento, mantiña a entrega ilusionada; mentres a ilusión dura, o mundo está ben feito. Mais o desnamoramento pode ser beberaxe tan tsunámica coma a ayahuasca peruana.
Oxalá que os camiños da vida lle permitan a Rebekah crer en mohicanos vellos e novos de Wyoming, resiliente á decepción, o egoísmo e a áspera falta de calidez humana. Porque os rigores estacionais do inverno chegan sempre ás ermas chairas de Wyoming tanto coma ás da resistente meseta de Numancia.