GC Aberto

"Democracia" en negro

Mal se pode conferir fiabilidade a quen manifestando ser de esquerdas, no seu afán de agradar ao neoliberalismo apoia sen matices a vergoñosa e manipulada campaña desatada pola ultra dereita e o terrorismo mediático en contra do constitucional goberno venezolano.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 04/02/2019

Comparte esta noticia

O verdadeiro motivo polo que Venezuela volve ser o “chivo expiatorio• da feroz campaña mediática internacional, á marxe de todo enredo argumental, hase  referir que a auténtica razón de tan planificada agresión ten un transfondo máis pervertido que o propio Presidente Trump verdadeiro promotor da conxura, que a través de ensaiadas manobras de desestabilización,  utilizando ao seu antollo ao prefabricado Presidente interino Juan Guaidó, tenta demonizar a lexítima democracia venezolana ao só obxecto de xustificar a súa intervención no derrocamento do réxime bolivariano e lograr a través do furtivismo político o seu auténtico obxectivo.

Finalidade que non é outra que apropiarse ilicitamente do petróleo existente no subsolo do país caribeño, que polo seu volume, é dabondo a maior reserva de hidrocarburos do mundo, e por tanto bocado apetitoso para quen ten monopolizado o control da totalidade dos xacementos dos países produtores, é dicir, o pleno dominio do mercado de carburantes, que coa excepción iraniana ten a súa outra excepción en Venezuela, a cuxo goberno electo tentan por ese motivo derrubar financiando golpistas disfrazados de demócratas, e impoñendo medidas de carestía alimentaria mediante o desabastecemento, ao só efecto, de provocar a desestabilización interior incitando á cidadanía, facéndoa crer que viven no desastre por mor dos seus mandatarios coa malsá intención de que esta se rebele contra a orde constitucional.

Pero con todo, a teoría da conspiración faise máis ostensible ao primeiro de vez, cando os mesmos artífices que astutamente empéñanse en vestir de ditadura e tiranía ao réxime bolivariano manteñen relacións de cordialidade con gobernos diametralmente opostos á linguaxe das urnas como Arabia Saudita ou China, sen que a pesar do seu carácter totalitario, teñan para con eles a mais mínima reprobación política. 

É dicir, que mentres non cesan na súa dinámica de cuestionar a lexitimidade do presidente venezolano, en linea contraria, manteñen un silencio sepulcral sobre a intolerable actitude que acumulan no seu haber moitos outros mandatarios de réximes explicitamente antidemocráticos, cuxas accións sobordan a violación continuada dos dereitos humanos.

Unha actitude de compracencia e complicidade co máis cru radicalismo ditatorial, que vén delatar a falsidade dos postulados dialécticos utilizados polos promotores da confabulación para xustificar a súa obsesión anti bolivariana e a súa nula preocupación pola democracia, que tan interesadamente veñen de utilizar como escusa, ao só efecto de xustificar a súa intención agresora contra este país soberano, que polo feito de selo, ten conferido o pleno dereito a decidir o seu futuro sen admitir a mínima intromisión involutiva.

Asistíndolle no seu caso, razóns sobradas para abortar sen contemplación toda intento golpista e meter entre reixas a quen mediante prácticas de sedición pretendan derrocar o ordenamento democrático establecido.

Nin que dicir ten que aos instigadores do atropelo élles totalmente indistinto a cor política do réxime que rexe os destinos de Venezuela, pois como queda devandito, a súa auténtica preocupación é lograr que o Goberno constituído non poña veto á súa intervención económica, nin á consecución de beneficios, nin ao seu modo de obtelos, e cando como é o caso, por impedimento político reciben a negativa por resposta, é entón cando en reacción os directos afectados pola denegación, feridos no seus intereses desatan o seu feroz ataque contra quen se opón a súa "nobre intención liberadora”.

Sendo comportamento reflicto de tal actitude, a ameazante advertencia do Presidente Trump, cuxa última finalidade, non é outra que instaurar a través de subterfuxios un goberno de monicreques que sortee o actual impedimento, facilitando así a consecución das súas espurias intencións, validando tal conclusión o histórico de invasións militares e conspiracións tácitas e expresas que caracterizan a turbia política exterior estadounidense.

Quizais sexa o gregarismo enfermizo que profesa o goberno español cara aos mandatarios do norte, o motivo, que a súa complicidade co golpismo venezolano resulte tan explícita como repugnante; sendo difícil entender a manida utilización de importunados tópicos e insistidas mentiras coa mala fe de adulterar a versión orixinal do fenómeno máis excepcional da historia democrática contemporánea, a correspondente a un país cuxo goberno se mantén no poder ininterrompidamente despois de gañar limpamente as eleccións durante dezasete veces consecutivas.

Excepción que non parece satisfacer a uns mandatarios que como o Presidente Pedro Sánchez, vénlle de caste aceptar só a democracia cando favorece aos intereses do neoliberalismo, e opta por combatela e depreciala no momento que faga perigar os privilexios desta elite, en coincidente correspondencia coa actitude involucionista que mantén a oposición venezolana e que só a un fascista ocorreríaselle outorgarlle amparo.

Oatranco que atopan en Venezuela os magnates da orde mundial, non é outro, que a integridade e exemplaridad democrática dos seus mandatarios , que sumada ao seu papel de vangarda na defensa dos lexítimos intereses do seu pobo, impide aos especuladores do alleo repartirse a suculenta riqueza do país caribeño, o que motiva que convertan aos seus dirixentes no inimigo a bater, e todo , por atopar no seu liderado un obstáculo para os seus intereses. 

Esta é a versión orixinal, se queren oír a adulterada escoiten a Pedro Sánchez e ao resto do neoliberalismo patrio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta