Por Europa Press / Redacción | BILBAO | 01/02/2019 | Actualizada ás 14:57
Diana Riba, o número dous da candidatura de ERC ás eleccións europeas e esposa do exconseller encarcerado Raül Romeva, presentou este venres en Bilbao a coalición 'Agora Repúblicas', na que concorrerá ERC ás eleccións europeas baixo a mesma marca de Bildu e BNG.
Riba afirmou que ERC, EH Bildu e BNG son "proxectos políticos que defenden a liberdade e a democracia ante a regresión autoritaria que se vive no Estado e en Europa". "Somos tres forzas que cren na política da paz, o diálogo, o acordo e a cooperación como única posibilidade de construír espazo onde os pobos poidan prosperar", argumentou .
"A paz e a cooperación son inherentes aos nosos proxectos políticos e os nosos esforzos, dentro e fóra das nosas fronteiras", engadiu Riba. Bilbao acolleu o primeiro acto público en Euskadi da coalición 'Agora Repúblicas' (Ara Repúbliques, Orain Errepublikak ou Agora Repúblicas, en catalán, eúscaro e galego), que estará encabezada polo exvicepresident da Generalitat, Oriol Junqueras, na actualidade en prisión preventiva.
Na comparecencia celebrada en Bilbao, estiveron presentes o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, acompañado do candidato Josu Juaristi, a deputada Marian Beitialarrangoitia, e Gorka Ejejabarrieta; por ERC, Diana Riba e Jordi Solé, mentres que, en representación do BNG, participaron a súa candidata e actual eurodeputada, Ana Miranda, xunto con Bieito Lobeira e Rubén Cela.
Segundo explicou, a coalición interpela a todos os demócratas preocupados pola grave involución democrática da sociedade", apuntan que esa a razón pola que pretenden que a súa "voz sexa escoitada aínda de forma máis clara no ámbito internacional". "Hoxe, desgraciadamente e como todos saben, o número uno desta candidatura, o presidente de ERC, Oriol Junqueras, non pode estar aquí. Oriol e o resto de presos políticos cataláns agora mesmo están a ser trasladados aos cárceres españois, de Soto do real e de Alcalá Meco. E nos próximos días serán xulgados por rebelión contra o Estado", subliñou.
"ROMPE ESPAÑA QUEN NON RECOÑECE O ESTADO PLURINACIONAL"
Riba lembrou que o seu marido, así como Junqueras e o resto de presos independentistas cataláns están a ser trasladados este venres a Madrid para o xuízo por presunta rebelión, que comezará o 12 de febreiro, e asegurou que, "quen rompe España é quen non recoñece o Estado máis plurinacional de Europa e o dereito a decidir dos seus pobos".
A candidata de ERC subliñou que "o fascismo, de novo, propón o rexeitamento e a exclusión de sectores sociais, de restrición de dereitos, de estigmatización da diferenza e a agresividade contra os adversarios políticos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.