Democracia fronte ao supremacismo

Vai facer agora dez anos dunha manifestación na Quintana compostelá deseñada dende o nacionalismo español contra da nosa lingua, cultura e identidade. Unha manifestación baseada na mentira de que o Goberno galego de coalición BNG-PSOE quería impór o galego, cando simplesmente determinaba un mínimo do 50% de uso da nosa lingua a medio dun Decreto que de primeiras aprobou o PPdeG. Un PPdeG que despois refugou del para sumar moi poucos milleiros de votos que, porén, foron esenciais para acadaren os definitivos deputados nas circunscricións d´A Coruña e Pontevedra nas eleccións nacionais do 01.03.2009.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 03/02/2019

Comparte esta noticia
Rechamante foi a participación nesa manifestación da antecedente directa do nacionalismo extremista español de Vox e Cs (Rosa Díez, líder da UPD). Unha Rosa Díez que moi axiña faría desprezo da nacionalidade galega por mor da nosa capacidade para non nos definir, sen advertir que as persoas galegas non xogamos ás definicións cando non nos interesa o marco conceptual que se nos quere impór coas mesmas.
 
A organización daquela protesta, que dícía ser bilingüe, hoxe esixe falarmos español, na liña daquel franquista  “Hable bien. Sea patriota” dos anos 50 do século pasado. E, logo de dez anos, algún dos líderes dese nacionalismo español (Ortega Smith polos extremistas, Toni Cantó polos falsos liberais) minten conscientemente denunciando a falsísima discriminación, cando non risco de persecución do castelán na Galicia.
 
Estes ataques á nosa lingua, cultura e identidade non son ningunha brincadeira. Fronte ao carácter cívico e de afirmación do galeguismo o nacionalismo español é ofensivo e supremacista e baséase no “a por ellos” e no “lo toma o lo toma”. Canda este extremismo político vogan os empresarios españois interesados na recentralización económica, para obter  da nosa economía o rédito que lle habería de cumprir ás empresas galegas e voga ese freakismo cosmopailanista, moi minoritario, máis con voceiros abondo, presente nas nosas cidades e vilas.
 
Fronte este supremacismo habemos opór as cualidades da democracia: a inclusión e cohesión social que só se dan nas sociedades xustas que partillan un mesmo sistema educativo, as liberdades que esixen non sermos discriminados no noso País por  falarmos e vivirmos na nosa lingua e o sentidiño de non substituir o noso pola voracidade extractiva dos que queren empobrecer e someter este País. 

Manifestación da plataforma 'Queremos Galego'.
Manifestación da plataforma 'Queremos Galego'.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.