A CIG chama á folga do 8-M: "Cando as mulleres paran, o mundo para"

Fai fincapé na importancia de que tamén saian á rúa as xubiladas, estudantes, desempregadas e inmigrantes sen papeis, porque é o Día da Muller Traballadora, "non da muller asalariada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, rexistrou este mércores ante a Consellería de Traballo a convocatoria dirixida ás mulleres para secundar unha folga xeral de 24 horas o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, coa que "mostrarán ao mundo que cando as mulleres paran, o mundo para".

Segundo explicou Margarida Corral ás portas da Consellería, a convocatoria "é un chamamento ás traballadoras deste país e que, por tanto, non é de homes e mulleres como adoita ser habitual nunha convocatoria de folga xeral".

O motivo, segundo afirmou, é non obter "nin unha soa resposta por parte dos poderes públicos ou a patronal" ante o "histórico paro internacional de mulleres do ano pasado" no que se refire ao ámbito social, a problemática dos coidados, as discriminacións, o acoso e a violencia no traballo.

UN PARO DE 24 HORAS

A folga comezará ás 00,00 horas do 8 de marzo e terminará ás 24,00 horas, agás naquelas empresas e organismos nos que teñan varias quendas de traballo. Neses casos, a folga efectuarase na primeira quenda, aínda que empece antes das 00,00 horas do día 8, e finalizará unha vez que termine a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24,00 horas.

Da mesma maneira, naquelas empresas que contan cunha única quenda de traballo que comece antes das 00,00 horas do 8 de marzo, o paro empezará á hora de inicio da actividade laboral e finalizará o mesmo día na hora na que esta conclúa.

AUSENCIA DE INICIATIVAS E PROBLEMÁTICA DE COIDADOS

Margarida Corral criticou a ausencia dalgunha iniciativa que "puxese fin, ou que polo menos fixese algún tipo de parche ou cambio no que respecta ás discriminacións que sofren as mulleres e as traballadoras en todos os ámbitos".

Ademais, subliñou que o que viron "foi un rearmamento do patriarcado desde as institucións a modo de sentenzas completamente machistas" e unha "reorganización do patriarcado en organizacións políticas de ultradereita". "As mulleres están a ser dobremente discriminadas e afectadas en Galicia polas políticas do Partido Popular", agregou.

A pesar de que "como mulleres sindicalistas" o que rexistraron este mércores foi unha convocatoria de folga laboral, a secretaria de Mulleres da CIG resaltou a "problemática dos coidados" e a importancia do "simbolismo do mandil para as mulleres que ese día non poidan facer folga".

Por tanto, fixo fincapé en que o 8 de marzo é o Día Internacional da Muller Traballadora, "non da muller asalariada", polo que fixo un chamamento a que saian á rúa non só as mulleres que traballan "senón tamén as xubiladas, estudantes, desempregadas e inmigrantes sen papeis".

RECORTES NO GASTO PÚBLICO

A Secretaría de Mulleres da CIG tamén destaca os recortes no gasto público e "o gran impacto sobre as mulleres", dada a súa presenza no sector público, "que fai que sexan as principais afectadas pola redución de salarios e a eliminación de emprego".

Ademais, critica a reforma laboral, "que precarizou aínda máis as condicións de traballo"; a reforma das pensións que "afecta singularmente as mulleres" pola súa "concentración na economía informal e polas interrupcións na vida laboral para o coidado dos nenos e maiores dependentes", que provoca que se atopen "con máis atrancos á hora de alcanzar a cotización esixida".

Así mesmo, fai referencia ás medidas para mellorar a empregabilidade da mocidade, das que denuncia que o que fixeron "foi impulsar aínda máis a temporalidade e precarizar o emprego das mozas a través de contratos lixo"; a eliminación da retroactividade para as persoas beneficiarias das axudas á dependencia ou a reforma do réxime de empregadas do fogar que "perpetúa a discriminación dunha actividade historicamente feminina".

Con todo, a Secretaría de Mulleres da CIG fai unha denuncia das políticas da Xunta que provocaron "o desmantelamento dos servizos sociais públicos", mentres "financiaban con diñeiro público un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista no marco dunha lei, a de familia, que cosifica as mulleres e que pretende devolvelas ao seu papel tradicional de nai coidadora do fogar".

PROPOSTAS

Por todo isto, a secretaria dás Mulleres da CIG propuxo unha serie de medidas "que evitarían a situación de desvantaxe das mulleres nos centros de traballo, como diminuír a brecha salarial e establecer mecanismos de control para eliminar as discriminacións directas e indirectas nos convenios colectivos".

Destacou a "importancia" de racionalizar os horarios de traballo e a redución da xornada laboral a 35 horas semanais; o recoñecemento efectivo do dereito fundamental á conciliación; establecer o dereito ao acompañamento á consulta médica ou a tutorías para o persoal con persoas dependentes ou nenos a cargo e outras relacionadas con permisos de lactación.

Tamén propuxo sancionar ás empresas que non dispoñan dun plan de eliminación de riscos laborais específico para protexer a saúde de mulleres embarazadas, a aquelas que non garantan a clasificación e valoración dos postos de traballo con criterios obxectivos e medibles ou ás que non teñan implantadas medidas efectivas para detectar e eliminar situacións de acoso e violencia no traballo.

A CIG rexistra a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres do 8M
A CIG rexistra a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres do 8M | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta