Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2019 | Actualizada ás 19:56
A asociación animalista Libera replicou á Xunta que "pode e debe vetar" os campionatos de caza de raposo en Galicia, tras as palabras deste xoves en comisión parlamentaria da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen asegurou que "non se poden prohibir de forma unilateral" estas probas.
Libera critica que o Goberno galego "se escuse en circunstancias competenciais que non son certas", xa que lle lembra que o Executivo autonómico "ostenta as competencias en materia de caza, podendo restrinxir determinadas prácticas".
Neste sentido, os animalistas deixan claro que "si se poden prohibir as convocatorias que, baixo un halo supostamente deportivo, produzan unha auténtico masacre de animais silvestre". Asegura que para iso "só sería necesaria unha modificación da lei de caza de Galicia que incluíse esta perspectiva no seu articulado, introducindo tamén o catálogo de sancións adecuado".
Lembra que Galicia asumiu a competencia en materia de caza e promulgou diversas normas sectoriais, como a lei de 2013 que supuxo unha "preocupante desregulación", cun "aval ás matanzas de raposos en formato de competición negativa".
Así mesmo, denuncia que entre 2016 e 2018 a Consellería de Medio Ambiente e a Secretaría Xeral para o Deporte concederon axudas por máis de 150.000 euros á Federación Galega de Caza, "promotora destas animaladas xa prohibidas nalgúns países europeos".
Finalmente, Libera cuestiona o "interese electoralista da Consellería e o seu posicionamento á beira das barbaridades do lobby" procaza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.