O alcalde de Vilardevós aumentalle 3.000 euros o salario a un funcionario que controla o padrón municipal

O PSOE sospeita que esta suba é pola proximidade das eleccións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O PSOE de Vilardevós (Ourense) denunciou que o alcalde da localidade, Manuel Cardoso (PP), subiu o salario á persoa encargada do padrón en máis de 3.000 euros "en forma de complemento específico", algo que lle fai sospeitar dunha "posible intencionalidade" pola proximidade das eleccións municipais.

Segundo informan os socialistas a través dun comunicado, o grupo de goberno aprobou esta subida, que se suma aos 5.000 euros que xa tiñan asignados en este mesmo concepto, no pasado pleno do 31 de xaneiro.

Esta subida posúe "efectos retroactivos" desde o 1 de xaneiro de 2019 para recompensar o especial desempeño do posto de traballo. "Chámanos a atención esta prema en contestar a unha reclamación dun traballador de que se lle aumente o complemento específico, simplemente porque cremos que ten algo que ver coa importancia que tivo o padrón neste concello", destacou o portavoz municipal, Xullo Prada.

"Sabemos que conta coas garantías legais e económicas para facelo, pero non deixa de ser curioso que se movan tan rápido para aprobar un aumento do salario, sobre todo en ano electoral e despois da lea que houbo coas altas e baixas no padrón municipal", continuou o portavoz socialista.

O PSOE lembrou que levan anos denunciando as supostas alternaciones no censo que se producen antes das citas electorais. Segundo as súas comprobacións, a través de datos facilitados polo propio Concello, producíronse 400 baixas por cambio de residencia desde 2015, "cantidade que practicamente coincide coas altas efectuadas antes das últimas eleccións municipais".

"NON DEIXA DE SER CURIOSO"

Ademais, os socialistas aseguran advertir "no seu momento" que "estarían vixiantes con todo o estraño" que ocorrese e estivese relacionado co padrón. "Non deixa de ser curioso que xusto agora, en ano electoral, se atenda a unha demanda de aumento de salario con carácter retroactivo e que ese posto de traballo teña relación co censo", subliñou Prada.

O PSOE recalcou que "non teñen nada en contra do lexítimo dereito dun traballador a reclamar o complemento específico polo especial desenvolvemento no seu labor". Concretamente consideran que a xestión do padrón é un tema "o suficientemente importante e laborioso".

Con todo, consideran que a importancia e a rapidez en atender o tema tivo máis que ver, presuntamente, coa "prioridade" que lle dá o alcalde do PP ao censo de cara a unhas eleccións que se lle presentan "complicadas", debido a unha "xestión nefasta" e a que o conxunto veciñal "está farto da pasividade e dos erros deste rexedor".

Voto nas eleccións municipais
Voto nas eleccións municipais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta