O exportavoz do PP en Ourense pásase a Ciudadanos e o coordinador dos laranxas dimite por esta fichaxe

José Araújo di que busca "unha nova fórmula". Duras críticas do alcalde e crise no partido laranxa, coa dimisión do seu portavoz.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Continúa o goteo de cargos do PP cara a outras formacións. O exportavoz do Partido Popular no Concello de Ourense, José Araújo, anunciou este martes a súa incorporación ao proxecto de Ciudadanos, así como a súa afiliación ao partido, de cara ás próximas eleccións municipais quince días despois de deixar a acta de concelleiro e causar baixa na militancia da formación popular co obxectivo de atopar "unha nova fórmula". Con todo, non confirmou que vaia ser o candidato por Ourense.

José Araújo abandona o PP e ficha por Cidadáns en Ourense
José Araújo abandona o PP e ficha por Cidadáns en Ourense | Fonte: Europa Press

A fichaxe de Araújo non só crea unha crise no PP, tamén en Ciudadanos, xa que o portavoz e coordinador desta formación, Alberto Rodríguez, anunciou este martes a súa dimisión á fronte dos cargos que ocupa e a súa baixa como afiliado pola "incorporación da vella política" á agrupación local coa "intención de que lidere" a candidatura ás próximas eleccións municipais.

"Non se trata de nada persoal con estas persoas nin moito menos, trátase de que viñera a este partido porque representaba a rexeneración democrática, o cambio, o fin da vella política, a eliminación das portas xiratorias... Pero parece que ao final cambiamos os nosos ideais polas solucións profesionais ofrecidas por quen sempre viviu, vive e vivirá da política, por aqueles que representan todo contra o que nós loitamos ou polo menos contra quen eu o había e seguirei facendo", sinalou Rodríguez.

Neste sentido, Alberto Rodríguez asegura que "non se pode facer algo diferente coas mesmas persoas e personaxes" contra os que levan "varios anos loitando" e concreta: "Denunciamos de Pepe Araújo e a súa Concellaría polo menos en 37 ocasións nun ano e medio a súa falta de profesionalidade, o seu deixamento político, a súa prepotencia e o total abandono da cidade".

Doutra banda, xustificou a súa decisión de abandonar as súas responsabilidades en Ciudadanos polos "malos tratos constantes" recibidos do secretario de organización do partido en Galicia, Laureano Bermejo, quen "en ningún momento tivo nin o máis mínimo respecto" pola xunta directiva nin "cara ao cargo de coordinador".

"Fomentou e segue fomentando constantemente grupos de poder dentro da agrupación para desmotivar e desestabilizar, tanto que mesmo participa en grupos paralelos non oficiais de afiliados de Ourense. Certamente, xa era coñecedor da súa mediocridade, pero pensaba que o feito de porlle un soldo, o feito de que fose a súa profesión, cambiaría a súa estratexia que non é outra que divide e vencerás", criticou.

Alberto Rodríguez quixo agradecerlle a Bermejo, de forma sarcástica, aprender del "todo o noxento" da política, como "manipular, enfrontar aos compañeiros, mentir, quedar diñeiro de afiliados ou coaccionar o libre voto dos seus compañeiros", e asegurou que se vai satisfeito.

"Voume coa satisfacción do deber realizado, coa satisfacción de recoller unha agrupación con tan só 35 afiliados e deixala con case 80 afiliados, coa satisfacción de estar no panorama político e deixar as portas abertas á obtención dun mínimo de dous concelleiros". "Xa veremos o que se obtén cos profesionais políticos", avisou.

Bermejo puxo en valor os "coñecementos" da nova incorporación, José Araújo, un "activo moi interesante" cuxa "postura social" é "moi importante".

ARAÚJO, "DESCONTENTO" CO PP

Araújo lembrou que, como anunciara no momento de abandonar a acta de concelleiro e o PP, a súa marcha da corporación municipal debeuse non a unha "estratexia", senón ao seu "descontento" coa "forma de traballar" do grupo de goberno e da oposición, "que non estaban a achegar nada positivo" a unha cidade que "non se podía gobernar a base de selfis nin a base de insultos nin estar todo o día chanceando ou facendo vídeos de coña, ninguneando o goberno municipal ou a oposición".

"Non daría este paso baixo unha estratexia, douno porque estou francamente canso dunha situación; tiña unha posición moi cómoda no aspecto orgánico e en cota de poder, era portavoz do goberno, insinuóuseme que repetiría na lista, era presidente dun distrito importante da cidade e tiña unha magnífica relación con todos os membros do partido", expuxo.

Así as cousas, José Araújo sinalou que se une a Ciudadanos —que se puxo en contacto con el e non ao revés— coa intención de sumarse a un equipo de persoas "para dar unha luz diferente, unha forma diferente de ver a política que encaixa perfectamente" na súa "forma de ser", así como "a contribuír ao traballo en positivo" coa condición "básica" de "traballar con respecto e pór en valor o traballo feito ata agora na organización".

"Síntome identificado coa forma de defender os homes e mulleres deste país, a darlles prioridade sobre as siglas; se non existise Ciudadanos, habería que inventalo, xa que identifica a calquera home ou muller que viva en Ourense ou no resto do Estado. É un partido moderado nas súas formulacións e síntome perfectamente identificado con esta organización", defendeu.

CRÍTICA Á DECISIÓN DE ARÁUJO

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, lamentou que o exportavoz popular poña "os seus intereses persoais por enriba dos intereses de Ourense" e criticou que "a estratexia de Ciudadanos non se coñece en Ourense nin en ningunha outra cidade".

"Jesús Vázquez Abad vai poñer sempre os intereses da cidade por enriba dos persoais e do partido. Non hai alternativa ao grupo de goberno do PP; se hai outro partido que se dedica a ir fichando en base a intereses sen un programa, malamente se pode despois gobernar a cidade", respondeu o rexedor.

Á súa vez, declarou que "quen quere que esta cidade progrese só ten unha alternativa, o Partido Popular", posto que a separación de voto "vai provocar a ingobernabilidade" e, "fronte a Jesús Vázquez Abad, non existe alternativa". "As que se tentan pór está claro que teñen outros intereses", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Retrinco

Pódese saber o que pasou en Vigo cunha enchufada? Cinco anos de cadea non é moco de parrulo. É do PP, o Partido Podre, non?

1 Asarboreseobosque

Araujo o infiltrado do PP en Ourense para frear os do Jacome e pactar a alcaldía co Jesús Vázquez. Non saben nada os alumnos da Escola Baltariana?. E a esquerda buscando biosbardos .