Polémica polo suposto pago do aluguer ao fiscal xefe de Ourense por parte da Xunta

PSdG e Ourense en Común cuestionan o asunto, mentres que o BNG pide directamente que Delgado Ayuso sexa "apartado das súas funcións inmediatamente"Democracia Ourensá e o PP evitan pronunciarse sobre o caso, que está xudicializado pola reclamación do dono da vivenda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2019 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

PSdeG e Ourense en Común cuestionaron este martes o pago por parte da Administración autonómica do aluguer de piso ao fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado Ayuso. O propietario da vivenda reclámalle ao Goberno galego a devolución da propiedade e o pago do aluguer desde o ano 2016, cando se resolveu deixar de abonar a contía.

Así, o BNG avanzou que presentará no Parlamento de Galicia iniciativas para "esclarecer" o caso e sinalou que o fiscal xefe de Ourense "debe ser apartado das súas funcións inmediatamente". Ademais, cualifica "de máxima gravidade" a "existencia deste tipo de privilexios e vinculación entre xustiza e goberno", que "profundan na falta de credibilidade que ten a independencia da xustiza en Ourense".

"Este feito, sumado ás dilixencias informativas abertas pola Fiscalía Xeral do Estado contra Florentino Delgado para esclarecer unha falta disciplinaria grave de abuso de autoridade, incapacitan de facto a esta persoa para exercer as súas funcións e debe ser apartado da xustiza, pois non garante en absoluto a súa independencia nin a transparencia respecto das súas funcións", concretou.

SUPOSTAS "IRREGULARIDADES"

Mentres, o portavoz de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez Mato, asegurou, en declaracións a Europa Press, que "son cousas que só pasan en Ourense" e advertiu que "é moi de preocupar a vinculación entre o poder político e o xudicial", polo que os membros da formación "non" poden "parar" de preguntarse "por que a Xunta se fixo cargo do pago deste inmoble".

Así mesmo, destacou que "hai cousas arredor" desa "figura" que lles chaman "moito a atención" e puxo como exemplo o caso do matadoiro municipal, "onde había unhas claras desviacións de caudais públicos", mentres "todas as persoas" coas que contactaron "no plano local e supramunicipal", incluso a Consellería de Sanidade, "non sabían explicar por que existían eses desfalcos".

Segundo explican, presentaron directamente unha denuncia na Fiscalía. O citado fiscal non avanzou na investigación malia detectarse indicios de irregularidades, din. "Non quero supor nin propor, pero no momento político no que vivimos, no que a vinculación entre os poderes político e xudicial está tan cuestionada, que se evidencie e materialice neste tema non contribúe máis que a seguir deslexitimando a actividade pública e desacreditar as institucións", lamentou Vázquez Mato.

Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado (no centro). EUROPA PRESS - Arquivo
Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado (no centro). EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, explicou a Europa Press que descoñece se este privilexio lle corresponde por lei ao fiscal xefe de Ourense, pero asegurou que, desde o punto de vista da "igualdade co resto da cidadanía", non é "lexítimo".

Con todo, destacou que non cre que "o relevante" sexa a vinculación do poder político co xudicial, senón "saber se isto é un privilexio persoal ou un privilexio de clase", xa que, "se é de clase, pode ser legalmente válido, pero non lexítimo". Neste sentido, afirmou que "é todo o contrario ao que debería ser nunha sociedade democrática e igualitaria. Teñen máis privilexios as persoas que, de seu, teñen máis recursos económicos, máis relevancia social e máis poder", engadiu Rodríguez Villarino.

O portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, apuntou que descoñece se a Xunta ten que pagar o piso do fiscal xefe ou se llo paga a máis persoas, xa que non teñen información xudicial respecto diso para emitir unha valoración.

Mentres, fontes do Partido Popular a nivel provincial preferiron non facer declaracións respecto diso porque é unha cuestión "entre o fiscal e a Xunta de Galicia", que "vai dirimir a xustiza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta