Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 12:16
A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto por Unión Fenosa Distribución contra a decisión dun xulgado de Pontevedra, de febreiro de 2017, de denegar a licenza á compañía para a construción dunha Liña de Alta Tensión (LAT) entre O Irixo e Lalín, cruzando a Fraga de Casas Vellas, á que se opuña o Concello de Lalín (Pontevedra).
O consistorio lalinense asegurou que, dous anos despois daquela sentenza, "un novo fallo vén apontoar a firme defensa desenvolvida desde inicio de mandato polo goberno municipal en defensa dun espazo de enorme valor ambiental e paisaxístico".
Así, para o Concello, esta nova sentenza, que é recurrible, constitúe "unha nova vitoria do conxunto do pobo de Lalín contra a posible destrución dun enclave natural privilexiado". "É, ademais, a demostración palpable da enorme eficacia dos pasos firmes e decidos que leva dando o Goberno municipal desde a súa toma de posesión contra un proxecto empresarial que desde o primeiro momento contou cun amplo rexeitamento social, representado de maneira máis específica na plataforma Salvemos Catasós", lembrou o goberno local.
A resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apoia os argumentos esgrimidos na primeira sentenza que denegaba a licenza a Fenosa para a construción da LAT O Irixo-Lalín.
En concreto, entende que o proxecto debe respectar a normativa en materia de protección do medio ambiente e da paisaxe, así como os seus elementos naturais. Tamén engade que, en tanto non se valore debidamente o impacto, non se pode conceder a licenza solicitada, por razóns de "prudencia" que motivan o requirimento para que a empresa eléctrica non execute as obras e "espere o resultado dos informes solicitados".
Segundo a postura do Concello, o proxecto "incumpre a normativa ambiental" polo que, alertan, "a súa posta en marcha suporía un dano ecolóxico gravísimo e irreparable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.