Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 14:00
O Sindicato Labrego Galego (SLG) pediu este pasado martes a convocatoria dunha Mesa do Leite para tratar a perda de sete millóns de euros durante o pasado mes de decembro. En dita Mesa estarían tanto produtores, sindicatos, administración e distribuidores. Ademais dos millóns en perdas a finais do 2018, existen puntos sobre a produción leiteira en Galicia que chaman a atención. Un deles é a escasa variabilidade dos prezos deste produto durante as últimas décadas. Ditos prezos, segundo apuntan os produtores, en moitas ocasións non abondan para a cobertura de gastos como a alimentación do gando, o combustible e o consumo enerxético.
Desde a Consellería de Medio Rural falan dun Plan Estratéxico para o sector lácteo. O departamento de José González abre así unha porta para a negociación. Aínda que as organizacións sindicais agrarias ven algúns puntos favorables no plan mencionado, apuntan tamén diferentes elementos que se poden mellorar. Un deles sería o papel das Organizacións de Produtores, figura asociativa alentada pola mesma consellería do ramo, e cun papel que ten sido cualificado como “cero á esquerda” por parte de forzas sindicais.
Desde Medio Rural definen o plan presentado como "unha estratexia de dinamización do sector, centrada en mellorar a transparencia e a distribución dos ingresos ao longo de toda a cadea de valor".
O PREZO DO LEITE
O prezo do leite é o grande cabalo de batalla dentro do sector lácteo. Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, confírma a sospeita de que os prezos levan case que décadas enquistados, inmóbiles. “Absolutamente, creo que estamos nun punto morto, por unha banda hai un grupo de operadoras que lles vai moi ben fornecerse de leite a baixo prezo en Galicia, mais desde o sector non tivemos estratexia para subir o prezo”. Isabel Vilalba apunta un dato curioso “os distribuidores viron unha oportunidade en Galicia por incremento da produción e a prezos baixos con respecto á media estatal e á europea”. “Quen realmente necesita un incremento nos prezos en orixe somos as persoas produtoras, mais hoxe en día, non temos as ferramentas necesarias para equilibrar a situación de baixos prezos” di Vilalba. “Creo que mesmo hai proxectos galegos con posicións estables no mercado e que lles vai ben mercar o leite barato”.
Óscar Pose de Unións Agrarias (UU AA), sinala que “habería que preguntarlle ás dúas partes interesadas que están sobre nós, os vendedores que queren prezos atractivos para o consumo, por iso interesa o leite como produto reclamo e no medio está a distribución, que están nunha posición cómoda cos prezos actuais e non teñen tanto interese en cambiar a situación”. Quen son os distribuidores máis salientables dentro do mercado galego? Desde fontes sindicais apuntan Gadis como un dos que máis presenza ten. Mercadona tería o 20% do mercado español seguida por outras cadeas de distribución.
O prezo medio do leite galego é de 31,70 céntimos por litro no mes de decembro de 2018, segundo o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia. O que se pode ver son tramos de produción con cada seu prezo. Tamén son datos proporcionados pola industria e ademais “hai granxas que venden por debaixo dos prezos que figuran no observatorio, mais o caso é que cando os prezos baixan en Europa, baixan en Galicia, pero cando suben en Galicia os prezos non se recuperan” asegura Vilalba.
“O argumento que pon a industria sobre a mesa para non aumentar os prezos do leite é que hai contratos asinados con produtores. A renovación dos contratos por parte das industrias faise cando os prezos están nunha época pouco propicia, normalmente na primavera” di Vilalba. “Os parámetros en Galicia son sempre os mesmos, en Europa aumentan eses parámetros”.
“O leite galego sempre foi o máis barato en España, cunha diferenza importante, tres céntimos por litro con respecto as autonomías que máis cobran, Asturias e Andalucía” di Óscar Pose “cousa que para nós é inexplicable esa diferenza entre comunidades, cando por exemplo, as análises din que o leite galego ten maior calidade en contido de proteína e graxa”. Segundo indica Pose, a industria non só se estivo beneficiando dos prezos baixos, senón das cualidades positivas do leite galego como produto de calidade e conclúe sobre este punto “sácalle máis cartos ao leite polo que paga menos”.
Para Medio Rural, sobre estas consideracións achegadas desde os sindicatos agrarios engade que "dificilmente se podería explicar que os gandeiros galegos facturaran en 2018 preto de 851 millóns de euros, un 4,4% máis ca no exercicio anterior. Se comparamos este dato co de 2016, o incremento dos ingresos cífrase no 16%".
A conclusión é que calquera industria busca unha marxe de beneficios. Esa marxe, no caso que nos ocupa, vén dada pola baixa remuneración que receben os proveedores ou produtores. Logo o produto elaborado ofrece uns prezos ao público que poden triplicar o pagado a pé de granxa. A diferenza media pode ser de catro céntimos. Os datos que ofrecen as fontes sindicais falan de que en Francia unha mesma empresa pode pagar 35 céntimos litro, e aquí, polo mesmo produto paga 31, e ás veces non hai que ir moi lonxe “porque en Ribadeo poden pagar iso, 31 e en Asturias 35”.
A Consellería de Medio Rural bota man dos datos que aporta o Fondo Español de Garantía Agraria. Así segundo o último informe feito público por este organismo, "o prezo medio do litro de leite en orixe na nosa comunidade foi de 31,7 céntimos/litro (decembro de 2018). Isto supón que é case 2 céntimos superior ao do mesmo mes de 2016. Así pois, dende entón o prezo medrou un 6,4%".
Hai menos dunha década os sindicatos agrarios fixeran campaña contra a importanción de leite foráneo, sobre todo de Francia. “Hai algo positivo na desaparicón das cotas, que os gandeiros españois puideron ocupar o oco do leite líquido, mais segue entrando en produto elaborado como queixo ou leite en pó” di Óscar Pose. Desde a desaparición da cotas do leite, “son as industras as que marcan os prezos” e poñen as marxes de produción que estarían disposto a pagar.
PRODUCIÓN E PECHE DE EXPLOTACIÓNS
O dato máis curioso é que a producción segundo datos da Consellería aumenta a produción láctea, pero pola contra diminúe o número de explotacións. “Hai datos que apuntan entre 400 e 500 granxas que pechan por ano, mais algunhas pode ser que pechen por proceso de fusión con outras granxas, moitas pechan si e as que quedan son dimensionadas” declara Isabel Vilalba. O fenómeno do aumento na produción de leite en Galicia podería frear e mesmo baixar porque “este fenómeno de dimensionar explotacións ten límites como a base territorial para meter animais, cando o terreo da granxa non ten ese incremento aumenta o custe de produción por litro”.
“Estes son datos que sempre se queren ocultar con datos como os que ofreceu o conselleiro José López, con que cada vez se factura máis, pero unha cousa é iso e outra os beneficios da explotación” sinala Óscar Pose. “Se eu na miña explotación facturo máis é porque me vin obrigado a aumentar a produción para gañar o mínimo e ese mínimo márcano os investimentos que tiven que facer na miña explotación para ser rendible”. “Hai unha falta de relevo xeracional e iso é por algo, porque a xente nova fillos e fillas de produtores con explotacións modernas, non residuais, non recollen o relevo”. É dicir, habería relevo pero a rendibilidade e a calidade de vida das persoas que traballan no sector, pois por exemplo non se pode ter vacacións, non hai boa conexión a Internet, hoxe imprescindible ou servizos como garderías.
Medio Rural pola súa banda declara que "observamos que se rexistra unha concentración da produción en explotacións máis competitivas e as cifras de produción, operacións e prezos consolidan a estabilidade do sector lácteo". "Si é certo que se dá de baixa unha explotación pero esas vacas e esa produción non se perden, xa que pasan a formar parte dunha explotación asociada que na maioría dos casos mesmo incrementa o número de cabezas e, por conseguinte, a produción".
A consellería que dirixe José González, sobre a perda de base territorial para a gandería de leite, declara que se creará unha nova lei para a recuperación de terras de cara a mellorar a produción láctea. "A norma fomentará a creación destes polígonos, cunha previsión de mobilizar, nunha primeira fase, ata 10.000 hectáreas de terreo mediante diferentes proxectos piloto a realizar antes de que remate a lexislatura". Nestes procesos, "a Xunta traballará na identificación da propiedade dos terreos e facilitará o contacto entre propietarios e arrendatarios para poñer os terreos en desuso a producir". Así, as iniciativas piloto desenvolveranse a través de arrendamentos ou compra-vendas e sempre a demanda dos interesados.
INDUSTRIA
Galicia Confidencial contactou co Grupo Lactalis, un dos máis potentes do mercado español. Cando se lles preguntou como se elaboraban os contratos cos gandeiros e segundo que premisas ou parámetros, a resposta foi que “por cuestións de competencia non podemos revelar como construimos os nosos contratos sobre o prezo”. Non obstante, responden que “actualmente asinamos contratos con gandeiros por 12 meses mínimo, punto que garante unha recollida anual e non mediante unha recollida spot (puntual)”. Se o gandeiro non quere un contrato anual “existen outras variantes de contratación”.
Actualmente o Grupo Lacatalis colabora “con perto de 1.500 gandeiros en Galicia, cunha produción que satisfai as necesidades das factorías de Vilalba e Nadela”. Ademais diso, “apostamos polo plano de estabilidade e sustentabilidade da cadea de valor do gando vacún de leite realizado polo Ministerio de Agricultura”. “Desde que remataron as cotas leiteiras, os gandeiros galegos aumentaron a súa produción anual, cousa coa que Lactalis foi sensible permitindo o desenvolvemento das explotacións gandeiras”.
ORGANIZACIÓNS DE PRODUTORES
En 2012 as autoridades consideraron unha solución para o que acontece co leite, crear organizacións de produtores. “En Galicia creáronse dúas, e dixemos que esas organizacións non tiñan moita marxe de actuación, porque as industrias non teñen nada que as obrigue mesmo a sentar para negociar cunha OP” di Vilalba. Os sindicatos coinciden en que, logo de sete anos da creación das organizacións de produtores, non houbo variación salientable no que pagan as industrias leiteiras.
O Plan Estratéxico para o Sector Lácteo anunciado pola Consellería de Medio Rural fora mencionado polo equipo da anterior titular Ángeles Vázquez. "Tivemos dúas reunións. Desde aquela non volvemos saber nada do tema” di Vilalba que remarca “non desconfiamos do novo conselleiro, pero vemos a mesma medida que daquela quedara en nada”. Dentro deste plano o SLG incluiría temas como a “escasa base territorial para a gandería que incrementa os custes e non permite ter axudas como as que teñen en Francia por poñer un exemplo. Vemos con bos ollos un plano estratéxico, pero é certo que ata o de agora somos escépticos”.
Para UU AA, o peso das organizacións de produtores está só no papel. “Unións Agrarias fomentou a creación arredor da nosa central sindical, da maior organización de produtores de Galicia, España e de Europa”. Non obstante, desde o ano 2012 “non chegamos a ningún acordo, salvo cuestións moi pequenas, mais coas grandes industrias non se chegou a ningún acordo”, Pose apunta aínda máis “e non foi culpa da organización de produtores, como apuntan desde as administracións, as organizaciósn de produtores foron unha excusa para non facer o seu traballo desde esas administracións”. “Á industria séguelle interesando poñer os prezos que ten como se veu estes días coa imposición de contratos por exemplo de Lactalis e á baixa, e as organizacións de produtores non temos ferramentas para combater isto” di Pose.
Medio Rural apunta sobre as organizacións de produtores que "hai apenas uns días reunimos o Consello Agrario Galego e falamos do sector lácteo, entre outras cuestións. A estratexia de dinamización antes mencionada contempla tamén sentar nun mesmo foro a todos os axentes da cadea de valor do leite, dende o gandeiro ata a distribución".
O ministerio de Agricultura anunciou un paquete lácteo cunha serie de termos que, esperan as organizacións agrarias, mellore a situación actual. As cuestións afectadas serían as regulacións de organizacións de produtores, contratos e interprofesionais. A medida fundamental é obrigar ás industrias que negocien coas organizacións de produtores. A sinatura dun contrato entre gandeiro e industria é porta a porta como explica Óscar Pose, “chegan co papel e simplemente é asinas ou non asínas, co prezo xa establecido”.
Os prezos do leite en Galicia son dos máis baratos non xá do Estado senón que están entre os máis baratos da UE. A consecuencia disto é que mentres hai gandeiros que fusionan explotacións ou as redimensionan para aumentar a produción, outros están abocados ao peche das mesmas. A outra parte é que segundo fontes sindicais son as industrias as que agora mesmo fixan os prezos diante dunha fonte de materia prima de calidade e abundante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.