Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2019 | Actualizada ás 21:04
A división de voto entre os deputados de En Marea durante o debate das emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) xerou unha nova fenda interna na confluencia galega que se produce coa convocatoria das eleccións xerais no horizonte tras fracasar o intento do Goberno de Pedro Sánchez de sacar adiante as contas para este ano.
E é que só a deputada de En Marea Alexandra Fernández respectou a liña marcada pola dirección do Consello das Mareas --máximo órgano de decisión entre plenarios-- e votou 'non' ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE), cuxa devolución tamén apoiou PP, Cidadáns, ERC, PDeCAT, CC, UPN, Bildu, Foro e outra deputada de En Comú adscrita a Unidos Podemos, Marta Sibina.
O resto dos deputados de En Marea integrados en Unidos Podemos-En Comú-En Marea --Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán-- secundaron a directriz do Grupo Confederal que lidera Pablo Iglesias.
Horas despois, o portavoz de En Marea, Luís Villares, comparecía ante os medios para lamentar que estes últimos "non seguisen as directrices da organización", algo que, para o maxistrado en excedencia, "non debe volver repetirse". Con todo, evitou concretar se a dirección que el mesmo encabeza baralla tomar medidas disciplinarias contra os parlamentarios que votaron contra a liña trazada polo Consello das Mareas.
Pola súa banda, Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova --os integrantes da candidatura que se presentou ás eleccións xerais de xuño de 2015-- emitían senllos comunicados nos que critican os rexeitamentos aos orzamentos e marcan distancia coa dirección de En Marea, lembrando que os deputados foron electos por unha coalición electoral previa á constitución do partido instrumental na Asemblea de Vigo, celebrada un mes máis tarde da cita coas urnas.
DIVISIÓN NO GRUPO
Mentres arrincaba a segunda xornada do debate dos presupestos nas Cortes, o Consello das Mareas difundía un comunicado no que ratificaba a súa postura contraria a facilitar a aprobación do PGE por consideralos negativos para Galicia ante o descenso de 19 puntos no investimento estatal para a comunidade.
Minutos despues, só Alexandra Fernández votaba non ás contas, o que constitúe o último episodio da fractura interna na que vive instalada o partido instrumental desde hai meses, cunha dirección do partido liderada en Galicia por Luís Villares que non recoñece o sector crítico, no que se atopan case todos os deputados do Congreso.
De feito, durante o último plenario celebrado en outubro, os deputados que este mércores desatenderon á dirección política de En Marea negáronse a render contas ante o plenario dunha organización que non recoñecen como propia por ser constituída despois das eleccións xerais de xuño de 2016.
Ese día, Alexandra Fernández tomaba a palabra para cargar contra os seus compañeiros no Congreso, aos que chegou a acusar de guiarse por "intereses persoais" e de actuar como "satélite" de Unidos Podemos. Este martes, as diferenzas entre Fernández, membro de Anova aínda que aliñada no sector crítico coa dirección do partido nacionalista, e os seus compañeiros volveron a quedar explicitadas.
LUÍS VILLARES
Durante a tarde deste mércores, Luís Villares abandonou momentaneamente a sesión plenaria que se celebraba na Cámara galega para facer declaracións desde a sede de En Marea, situada nas proximidades do Pazo do Hórreo. "En Marea é un espazo político soberano, non estamos sometidos á disciplina de voto de Podemos. Son os nosos aliados, pero non estamos subordinados a Podemos, nin en Galicia nin no conxunto do Estado. Se Pedro Sánchez tiña negociado algo con Pablo Igresis, fantástico; pero iso non inclúe a En Marea, porque o cinco deputados teñen unha dirección política", aseverou.
Así, ante a desobediencia reiterada de catro do cinco parlamentarios a render contas ante o partido instrumental e a seguir as directrices marcadas polos seus órganos, Luís Villares incidiu en que "a asemblea fundacional de Vigo e os plenarios posteriores" decidiron que a dirección política do grupo no Congreso quedaba en mans dos órganos directivos de En Marea. O rexeitamento do Congreso dos Deputados ás contas aboca ao Goberno central a unha convocatoria de eleccións xerais que chegarían nun momento de profunda división interna de En Marea, cos tres partidos da coalición de 2016 enfrontados abertamente á dirección de Luís Villares.
Cuestionado sobre o escenario de alianzas para unhas eleccións xerais, Luís Villares comentou que En Marea quere "contar con todo o mundo", incluídos os agora deputados en Madrid, e que a fórmula para acudir á cita coas urnas debe ser a actual: a de partido instrumental de adscrición individual. Ademais, engadiu que ha de garantirse que En Marea conte con grupo propio no Congreso, o que non lles foi permitido en 2016 e motivou a súa integración no Grupo Confederal de Unidos Podemos.
ANOVA, EU E PODEMOS
Pola súa banda, os partidos da candidatura En Marea ás xerais de 2016 --Anova, EU e Podemos Galicia-- aproveitaron para marcar distancias coa dirección de Luís Villares a través de senllos comunicados nos que inciden que os seus representantes foron electos como membros dunha coalición e non baixo o partido instrumental. Podemos Galicia censura o "bloqueo" a "uns orzamentos sociais e comprometidos" con Galicia que, ademais, "abren a porta a un adianto electoral" que podería derivar na trasladación do 'modelo andaluz' --PP, Cs e Vox-- ao Goberno do Estado. "Hoxe é un día triste para a cidadanía progresista. Os orzamentos máis sociais da última década foron tombados polo bloque reaccionario", engaden.
A continuación, agradece o traballo dos deputados "electos baixo o mandato da coalición En Marea" que, segundo a organización que lidera o parlamentario Antón Gómez-Reino, "traballaron durante meses para un acordo parlamentario histórico no social e que este mércores foi bloqueado polas forzas conservadoras". Anova, nun comunicado con críticas cara a Pedro Sánchez e o seu goberno, apoia a postura dos deputados que apoiaron as contas, aínda que matizan que este mércores "non se votaban os orzamentos, senón as emendas á totalidade" presentas por PP, CS, ERC e PDCAT.
Ademais, encadra a decisión de facilitar a aprobación do PGE na aposta por "frear o avance da extrema dereita" e, do mesmo xeito que EU e Podemos, lembra que os deputados de En Marea foron electos baixo a fórmula de coalición. "Estamos diante dunha cuestión que non ten que ver con partidas orzamentarias, senón sumar en clave antifascista para frear esta tolemia", di o comunicado do partido que cofundó Xosé Manuel Beiras e hoxe encabeza Antón Sánchez. Esquerda Unida tamén subliña o modelo de coalición empregado en 2016 e nega lexitimidade á dirección de En Marea para marcar as liñas políticas dos deputados electos baixo esa marca. "O acordo de coalición deixa claro e meridiano que as cuestións políticas dirímense nestes ámbitos e non en ningún outro. En Marea como partido instrumental non existía naquela altura nin é un ámbito da súa competencia os acordos subscritos por formacións políticas preexistentes", incide EU, organización liderada pola deputada Eva Solla.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.