O BNG lanza a súa comisión electoral con Rubén Cela como coordinador político da campaña

A formación nacionalista ve os comicios xerais como unha "oportunidade" para "devolverlle a Galicia a voz propia no Congreso"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2019 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

O BNG puxo en marcha a súa comisión electoral de cara aos próximos comicios, tanto xerais como municipais e europeos, nos que contará con Rubén Cela como coordinador político de campaña.

Tal como sinalaron os nacionalistas nun comunicado, Cela asume a dirección da campaña "desde a súa responsabilidade de coordinador de política xeral", dentro dunha comisión electoral que tamén conta con Eva Vilaverde para a coordinación da campaña nas sete grandes cidades galegas.

Ademais, Bieito Lobeira será o responsable de coordinación territorial e loxística, Carme da Silva e Nestor Rego estarán en programas e Xavier Campos será o encargado de imaxe e comunicación.

"A formación nacionalista concorre a estes procesos electorais cohesionada, cun liderado claro e cun proxecto político ben definido, e márcase como obxectivo traducir en votos nas urnas a dinámica á alza e a simpatía social na que se atopa a forza política", asegurou o BNG.

"MÁIS PROTAGONISMO POLÍTICO"

No caso das eleccións xerais, o Bloque considera que se trata "dunha oportunidade para devolver a Galicia o seu protagonismo político", que, ao seu xuízo, "perdeu durante esta lexislatura". "O Bloque fíxase como reto devolverlle a Galicia a voz propia no Congreso e facer valer a representación en Madrid para acabar coa discriminación e a irrelevancia política á que a conducen as forzas estatais", sinalou a formación.

En relación aos comicios do 26 de maio, o BNG ten o obxectivo de "reforzar as alcaldías que xa lidera", así como "incrementar o número de municipios baixo o mando nacionalista". No ámbito europeo, a alianza con EH-Bildu e ERC "servirá para afianzar a representación do escano galego na Eurocámara".

Tal como explica o Bloque, a comisión electoral "aposta por unha campaña en contacto directo coa cidadanía", "próxima" e marcando como prioritario "o desenvolvemento de axendas nas que se prime o contacto social".

Rubén Cela
Rubén Cela

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta