A CIG alerta: máis dun terzo das galegas cobra por baixo do SMI, cunha brecha das pensións do 37%

Presenta un informe que "evidencia a existencia do teito de cristal" e chama a participar nas mobilizacións do 8M, día para o que convoca unha folga de 24 horas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galicia (CIG) presentou o 'Informe sobre a Situación Sociolaboral das Mulleres en Galicia', que "evidencia a existencia do teito de cristal", con datos como que o 37% de asalariadas cobra menos do salario mínimo interprofesional (SMI), así como que existe unha brecha das pensións do 36,6% respecto dos homes.

Nunha rolda de prensa, a secretaria de Mulleres, Margarida Corral, e a economista do sindicato Natividade López presentaron as mobilizacións de cara ao 8 de marzo e repasaron por riba encima os principais puntos do informe.

López, que foi encargada de debullar o documento, puxo o foco nas diferenzas entre homes e mulleres por tramos de ingresos, as condicións laborais das mulleres e a comparativa entre as bases de cotización e a cantidade de anos cotizados que derivan nunha brecha das pensións de case o 37 por cento.

A economista sinalou que hai "voces novas" que denuncian a desigualdade social, pero "non o fan co mesmo enfoque que a CIG -xustiza social, equidade-, senón que a eles preocúpalles que se minora o crecemento económico".  Ao sindicato preocúpalle "que a situación da muller empece a pasar un pouco desapercibida", tendo en conta que "hai indicadores que melloraron con respecto aos homes". Alertan de que iso ocorre "non porque mellorase a situación laboral das mulleres, senón porque se produciu un empeoramento tremendo da situación dos homes".

Natividade López remarcou que "un 22% das mulleres de Galicia é considerada pobre", que "un 60% dos preceptores da Risga son mulleres", unha porcentaxe que aumenta ata o 94% en caso de familias monoparentais. "Debúxase así unha cara da pobreza con rostro de muller", engade.

TEITO DE CRISTAL

A CIG apoiouse en datos da Axencia Tributaria para pór de manifesto a existencia do "tan manido teito de cristal". Nos primeiros tramos de ingresos -ata 1,5 veces o SM-- hai máis mulleres que homes, pero "a partir dun determinado nivel de ingresos, as mulleres practicamente desaparecen", recolle o informe.

Natividade López destacou que "o 37% das mulleres asalariadas non alcanzaron o SMI" e que "un 20,5% non chega a cobrar a metade". Isto, segundo a economista, "ten que ver co tipo de empregos que se foron creando" -fundamentalmente no sector servizos (85%), en ramas moi concretas como coidados-, e na duración dos contratos.

Outra cuestión que causa "preocupación" no sindicato é a perda de poboación activa e o envellecemento do mercado laboral. No caso concreto das mulleres, segundo o informe, "o 47,8% das ocupadas en Galicia teñen máis de 45 anos". En canto ao de contratos, López sinalou que case o 22% teñen un traballo a xornada parcial -fronte ao 5,9% dos homes- e que a taxa de temporalidade é do 27,5%. Ademais, o 48,6% dos contratos duraron menos dun mes o pasado ano.

DIFERENZA NA COTIZACIÓN

Natividade López puxo o foco nos anos de cotización. Así, advertiu de que mesmo nos menores de 25 anos as mulleres teñen, de media, dous meses menos cotizados que os homes.  A tendencia, tal e como recollen os cadros incluídos no informe, mantense ata chegar ao dez anos e medio ao final da vida laboral.

Esta diferenza, á que hai que sumar as diferenzas na base de cotización inferiores nas mulleres, como consecuencia dos contratos e os ingresos percibidos, provoca que a brecha das pensións sexa do 36,6%.

Outro dato sobre o que chamou a atención a economista da CIG é que o 36% das mulleres desempregadas levan máis de dous anos nesta situación.

ESTE ANO CONVOCA FOLGA DE 24 HORAS O 8M

Por outra banda, a secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, deu conta da campaña de mobilizacións que o sindicato ten previstas coa mirada posta no 8 de marzo, o Día Mundial da Muller Traballadora. Corral lembrou que o pasado ano "as mulleres galegas abandonaron o que estaban a facer e participaron no paro internacional, conseguindo pór no foco do debate social os problemas e discriminacións que sofren".

A secretaria lamentou que, "aínda que sexa lembrado como unha xornada histórica, un ano despois non se abriu proceso ningún que leva a cambios concretos, non se recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres teñan vidas dignas". Neste sentido, advertiu de que "nos últimos meses está a producirse un rearmamento do patriarcado nas institucións" e sinalou o "cuestionamento público" de aspectos como a violencia machista ou a brecha salarial por parte da "dereita máis reaccionaria".

Corral denunciou que "ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas nin mulleres que manteñan unha actitude combativa contra os poderes". Por iso, explicou que a CIG entende que "é preciso dar un paso máis" respecto do ano pasado, no que tan só convocaron paros por horas. Desta volta impulsan unha folga de 24 horas de mulleres o 8 de marzo. Búscase que o poder entenda que as mulleres están "fartas da discriminación e as desigualdades" que sofren, que non van permitir que lles fagan "retroceder nos seus dereitos".

Así, convocaron 27 mobilizacións para o 8M por toda Galicia "para facer visibles as demandas que debe recoller a administración e a sociedade". Previamente, o 3 de marzo, en Lugo, Galegas8M convocou unha manifestación que sairá desde a Porta Falsa da Muralla ás 12,00 horas.

Margarida Corral asegurou que "a folga é o instrumento co que contan as mulleres traballadoras para exercer presión, mellorar as súas condicións laborais e reclamar os seus dereitos".

IRRUPCIÓN DA EXTREMA DEREITA

Preguntada pola posibilidade de que Vox entre no Congreso dos Deputados nas eleccións xerais, lembrou que "en Galicia xa houbo manifestacións cando se aprobou a lei de familia" e que "se están vendo os resultados da súa aplicación por parte do PP". "Os dereitos reprodutivos cuestionáronse desde hai catro ou cinco anos", engadiu.

A continuación, alertou de que o feito de "que creza a dereita implica que teñan máis poder en competencias que Galicia non ten, como pode ser a lei do aborto". "Estamos en risco", sentenciou. No entanto, lembrou que a situación que recolle o informe "é consecuencia de políticas neoliberadas do PP e PSOE" e que sumar a extrema dereita é afondar aínda máis na discriminación das mulleres.

O Informe da CIG sobre a situación laboral das mulleres en Galicia 'evidenc
O Informe da CIG sobre a situación laboral das mulleres en Galicia 'evidenc | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

Non hai teito de cristall algún. O que hai é moita muller traballando en empleos mal pagados ( dependientes, limpezas ) pero non porque sexa mulleres cobran menos. Búscase desesperadamente o victimismo.

1 Sentidiño

Vaia! Parece que comezas a entendelo! É que diso se trata: no súper hai dez caixeiras mulleres e un supervisor home porque as mulleres nunca pasan a supervisor!