A neurociencia, clave no ensino na era do exceso de información e distracción dixital

Hernán Aldana falará sobre a neurociencia na ensinanza dentro do ciclo «Educación século XXI» de Afundación.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/02/2019 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, comeza o ano retomando o seu ciclo de conferencias «Educación século XXI» con novos relatores e temas. A próxima conferencia será «Claves neuropedagóxicas na era do exceso de información, estímulos e distracción dixital», a cargo de Hernán Aldana, reputado docente no ámbito da neurociencia e asiduo participante nas charlas TEDx.

O cerebro humano
O cerebro humano | Fonte: hipertextual

Neste novo encontro falará sobre as achegas da neurociencia ao ensino e á aprendizaxe e dará algunhas claves sobre como ensinar e aprender na aula tendo en conta o potencial do cerebro.

Terá lugar o mércores 20 de febreiro, ás 19.00 h, na Sede Afundación de Vigo, e acompañarao o director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez. A entrada é gratuíta pero é preciso inscribirse na web Ataquilla.com.

Nunha era onde os docentes se enfrontan a grandes retos como a inmediatez, o exceso de estímulos e de contidos, a distracción de medios dixitais, e unha xeración con grandes dificultades á hora de almacenar datos enciclopédicos, saber como aprende o cerebro é fundamental.

Ata hai dúas décadas era moi pouco o que se coñecía acerca de como funciona e como aprende o sistema nervioso, pero a partir dos anos noventa houbo unha grande explosión tecnolóxica, o que trouxo consigo un grande avance nas neurociencias. A maioría dos pedagogos académicos confésanse escépticos ante os desafíos da neurociencia, pero esquecen que en todos os cambios de século da idade moderna se experimentaron reorientacións da pedagoxía encamiñadas a mellorar a educación, que sen dúbida está a pasar por un momento crítico.

A sociedade atravesa un momento bisagra que a coloca ante problemas novos e inesperados. Cada vez custa máis chamar a atención dos alumnos e lograr resultados, polo que debemos procurar solucións que ataquen directamente o problema. Precisamos coñecer o funcionamento da mente e mudar os alicerces da educación. A neurociencia asociada á educación non trae solucións máxicas, nin receitas simples, pero as súas investigacións científicas teñen o apoio do método científico xerando hipótese e non ideas finais.

Sen dúbida séguese ensinando e aprendendo sen explotar ao máximo o noso cerebro. Xa se avanzou moito e debemos aproveitar as investigacións para xerar medios novos e innovadores que melloren a aprendizaxe tendo en conta ao cerebro e as súas capacidades.

HERNÁN ALDANA

Hernán Aldana é licenciado en Ciencias Biolóxicas na Facultade de Ciencias Exactas e Naturais da Universidade de Buenos Aires e Doutor da Universidade de Buenos Aires na área de Ciencias Biolóxicas. É docente en diferentes titulacións relacionadas coa saúde, durante 10 anos foi decano na Universidade de Belgrano e é investigador independente na Universidade de Morón.

A partir do ano 2008 comezou a divulgar a aplicación das neurociencias para ensinar, aprender ou estudar. Isto levouno a participar como relator nas charlas TEDx e en Congresos de Arxentina, Chile, Costa Rica, Guatemala e Colombia. Todos os anos realiza capacitacións en Neuroeducación para docentes de todos os niveis en diferentes provincias de Arxentina e noutros países como Chile, Guatemala, Costa Rica, México, Perú e Colombia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta