Por Galicia Confidencial | Muras | 15/10/2011 | Actualizada ás 15:58
O BNG denuncia unha posible malversación de fondos públicos no proxecto da Aldea Etnográfica proxectada en Muras, promovida polo goberno local con financiamento da Consellería de Presidencia e con cargo ao Plan de Compensación Medio Ambiental. Os nacionalistas sospeitan que" poderíamos estar diante dunha utilización fraudulenta de fondos públicos a tenor do elevado das facturas presentadas a propósito das obras levadas a cabo na propia aldea".
Ademais, sospeitan da legalidade das mesmas pois só se teñen presentado as certificacións do Enxeñeiro de Obra non contando con ningunha certificación por ningún representante da administración local.
O BNG xa ten denunciado no inicio do proxecto da Aldea Etnográfica que o alcalde Issam Alnagm Azzam (PP) se beneficiara directamente da subvención para a creación da Aldea Etnográfica no lugar de Carelle pertencente á parroquia do Burgo, promovida polo propio Concello e financiada có Fondo de Compensación Ambiental pola instalación de parques eólicos no seu Concello.
"O Sr. Alnagm Azzam era propietario da maioría das fincas e propiedades inmobiliarias sobre as cales se están a acometer as obras da Aldea Etnográfica, chegando a ingresar a cantidade de 270.000 euros pola venda das mesmas ao Concello de Muras, no cal exerce coma alcalde" di textualmente o Bloque.
Ademais de cartos de Bruxelas, a polémica aldea tamén recibe cartos do Canon Eólico aprobado pola Xunta de Feijóo.
Os nacionalistas lembran ademais que Issam Alnagm Azzam cobra pola súa dedicación exclusiva 3.300 euros brutos ao mes. Muras, na montaña que separa A Mariña da Terra Cha, ten menos de mil habitantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.