Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/10/2011 | Actualizada ás 14:10
A secretaria de organización e directora de campaña do BNG, Montse Prado, presentou esta mañá en rolda de prensa a campaña nacionalista cara ás eleccións do 20-N, baixo o lema “A alternativa que te defende. O voto útil en Galiza”.
A responsábel da campaña nacionalista argumentou o lema explicando que “somos a alternativa porque propoñemos políticas alternativas fronte ao máis do mesmo de PP e PSOE”.
“E cando dicimos que somos a alternativa que te defende”, continuou, “estamos explicando que a nosa vai ser unha campaña de proximidade e cercanía coa xente”. Lembrou Montse Prado que “o voto ao BNG ten unha dupla utilidade: defender a Galiza e o benestar dos galegos e galegas e facer frente ás políticas de dereitas do PSOE e do PP”.
Para iso, o Bloque Nacionalista Galego leva no seu programa iniciativas como que "a Xunta se faga co 51% das accións do FROB de Novagalicia banco, apoio á economía produtiva para crear emprego, reforma do sistema fiscal para que paguen máis os que máis teñen, prohibición de EREs en empresas con beneficios, supresión das Deputacións, recorte dos gastos militares, etc”.
E, como o BNG ten propostas e quere que se coñezan, quere debatelas coas outras forzas políticas, por iso, tal e como enfatizou Montse Prado, “emprazamos a Núñez Feijóo a debater as súas propostas na televisión pública galega”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.