Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2019 | Actualizada ás 12:00
Couceiro, a libraría na que traballan varias xeracións dunha mesma familia en Santiago e que xa é un icono da cidade acaba de facer 50 anos de vida. E, para celebralo, este vindeiro sábado día 9 de marzo realizará ao longo de toda a xornada numerosas actividades musicais e culturais.
Así, a partir das 12,15 horas terán lugar actuacións do grupo de Ninghures, que é unha agrupación de xente nova que propón unha escolma de temas que beben do tradicional e conflúen con novos sons. Ás 13,45 será a quenda de Os Tres Pés, no que Leo i Arremecaghona, Roberto Sobrado e Xosé Constenla xúntanse nun proxecto de canción de autor e intervención galega. Este espectáculo vaise chamar “Os Tres Pés para 10501001000 Couces máis”.
A partir das 18:00 será a quenda dos contacontos con Celso Fernández Sanmartín e Soledad Felloza. A libraría tamén destaca a colaboración de Encarna Otero Cepeda, Pepe Carreiro, Pan da Moa e Vituco.
Ademais, ao longo do mes teñen previstas varias actividades, como encontros de escritores con alumnos de centros educativos de toda Galicia (“Libros: lectura e escritura en primeira persoa” ou unha xornada aberta ó público dun obradoiro de escritura, entre outras). Por outra banda, a libraría fará tamén descontos dun 5% de todas as compras durante o mes de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.