Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2019 | Actualizada ás 13:45
A Asociación Monte Pindo denuncia as soltas indiscriminadas de coellos neste espazo de Interese Comunitario e incluído na Rede Natura 2000 por parte dos cazadores sen contar coa autorización dos propietarios. Un lugar que, lembra, nin sequera é da súa propiedade senón do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos.
Nun comunicado, esta entidade critica que non consta cal é o asesoramento técnico e científico, se é certo que esa solta non se fixo con interese cinexético, ou se a propia Xunta autorizou ou apoiou esta iniciativa con recursos públicos. Ademais, pregunta cal é a procedencia deses coellos.
Lembra que a Xunta ten prohibido a esta entidade e a moitas outras incluso plantar árbores autóctonas desde 2014, cando despois do catastrófico incendio de 2013, se puxo en marcha un proxecto de recuperación ecolóxica do Olimpo Celta denominado SOS Monte Pindo, que permitiu prantar 2500 castiñeiros e 1050 carballos durante as dúas xornadas.
“É evidente que ou a Xunta fai oídos xordos aos actos dos que os cazadores fachendean publicamente, ou está a aplicar un doble raseiro ao vetar as actividades de colectivos ambientalistas que só procuran unha recuperación ecolóxica real do Monte Pindo, e que levamos anos denunciando a presenza de especies invasoras, mentras que ao parecer aos cazadores danlles carta branca para facer o que lles de a gaña, incluíndo a solta arbitraria das especies que lles interesa para despois tirarlle”, engade.
PRODUCCIÓN
Esta denuncia chega cando a Consellería de Medio Rural presume de que Galicia conta cun total de 257 granxas cunícolas e produce unhas 14.000 toneladas anuais de carne de coello, o que supón o 24% do total en España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.