Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/03/2019 | Actualizada ás 14:27
Hai tempo que a división dos partidos que integran En Marea é un feito e, aínda así, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, instou "a todos os actores" a facer "un esforzo" para lograr unha única lista, de cara ás eleccións xerais, entre as distintas formacións que apoiaron a constitución de En Marea.
Así se pronunciou, antes de presidir a constitución do Consello Local de Igualdade, a preguntas dos xornalistas despois de que Yolanda Díaz, de EU e deputada de En Marea no Congreso na última lexislatura, instase ao portavoz do partido instrumental, Luís Villares, a aclarar se quere "a unidade" con Podemos, Esquerda Unida e Anova. Unhas declaracións que fixo cando o seu partido leva semanas negociando unha nova coalición. Ademais, nas últimas semanas, fontes de Podemos apuntan que Díaz podería ir na cuota de Podemos por Madrid e non nunha suposta coalición galega.
"É o que veño dicindo desde hai moitas semanas", lembrou Ferreiro, quen avogou por buscar "unha fórmula" que permita que haxa unha única lista neste espazo político. Respecto diso, incidiu na súa proposta de "unha coalición ampliada con En Marea, cos partidos --que a apoiaron-- e coas mareas municipalistas que se quixesen sumar".
Preguntado se cre que aínda existen posibilidades, dixo que "ata que se peche o prazo para inscribir as coalicións aínda é posible". Por iso, pediu "un esforzo a todos os actores para que poidan facer posible ese acordo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.