Villares di que "non hai ruptura" en En Marea senón "o abandono do barco" de IU, Podemos e Anova

Reivindica a lista de En Marea ás xerais, que competirá con Podemos e EU, como "representativa de todo o espazo político". Atribúe a ruptura do acordo entre Anova, Podemos e EU a "cando se fan acordos de despacho".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 15/03/2019 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que "non hai ruptura" na confluencia galega, senón que o que aconteceu é "o abandono do barco duns poucos", en referencia á división en dúas candidaturas do espazo político tras a decisión de EU, Podemos e Anova de non concorrer baixo o paraugas do partido instrumental, que se presenta ás xerais en solitario.

Así se expresou Villares nunha rolda de prensa celebrada en Cambados (Pontevedra) minutos antes de coñecerse que Anova rompía as negociacións con EU e Podemos para a reedición da coalición electoral ás xerais que xa subscribiron nos anos 2015 e 2016.

Ante a división en dúas candidaturas do coñecido como espazo da unidade popular, o maxistrado lucense aseverou que "non hai ruptura" no seo do partido instrumental, senón que "uns poucos", en referencia ás direccións de Anova, EU e Podemos; decidiron "abandonar o barco" ao renunciar a participar nas primarias de En Marea.Ademais, entre estas formacións tamén houbo problemas, xa que Anova decidiu non participar, finalmente, da coalición electoral con EU e Podemos.

"Non pode haber acordos de despacho que deixen en papel mollado o decidido polas inscritas. Nesa clave seguiremos traballando", incidiu Villares en alusión ás negociacións que ata este venres mantiñan os socios da coalición que deu orixe á fundación de En Marea.

O partido instrumental, que concorre ás xerais en solitario como formación propia, presentará este sábado na Coruña as súas listas definitivas ao Senado e ás Cortes, electas nunhas primarias nas que concorreron unicamente candidatos propostos pola dirección que encabeza Luís Villares.

O portavoz de En Marea reivindica que se trata dunhas listas "representativas de todo o espazo político" onde están representadas "17 mareas municipalistas e todos os espazos que forman" parte do partido instrumental, en cuxos órganos de dirección non participa o sector crítico desde as polémicas primarias nas que Villares renovou o seu liderado.

Ferreiro, Villares e Beiras no plenario de En Marea o sábado
Ferreiro, Villares e Beiras no plenario de En Marea o sábado | Fonte: Xurxo Guitián

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 a tope ¡¡¡

Agora si que si... é o momento da unión de esquerdas de arriba abaixo e de abaixo arriba e tralarí tralará que a dereita gañará... pero si esto xa o fixeron os Monty python fai moitos anos... qué cruz temos en Galicia¡¡¡¡ o pp debe partirse de risa¡¡

1 lóstrego

Pois segundo eles, viñan sendo os motores auxiliares. Eu de ti pedía socorro, o malo que por onde ti navegas non hai rota comercial.