A aposta da ditadura franquista pola celulosa, sen transformación posterior en papel e pola masiva introdución do eucalipto respostou a esquemas autoritarios e coloniais de explotación, conferindo ao noso País un rol subsidiario de provedor de materias primas forestais e industriais sen compensar o estrago de recursos costeiros e forestais que calquera país moderno e serio refugaría.
A concesión para ocupar dominio público marítimo habería rematar a fins de xullo de 2018. Mais o Goberno en funcións de Rajoy, sen lexitimidade ningunha, prorrogou esta concesión durante 60 anos! Mais o concello pontevedrés (sempre por diante na loita cidadá contra a celulosa dende que Fdz. Lorez accedera á alcaldía hai agora vinte anos), Greenpeace e a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra (que traballa arreo nesta angueira dende 1987) recorreron xudicialmente esta prórroga e agora a Avogacía do Estado achantou perante estes recursos, recoñecendo a ilegalidade da prórroga. ENCE aínda poderá defender xudicialmente a súa legalidade, mais as posibilidades de éxito dos recursos increméntanse exponencialmente.
Xa que logo, cumpriría botar os alicerces para o futuro. Garantindo a protección dos intereses dos 350 empregos directos e varios centos de indirectos eventualmente atinxidos polo peche ou traslado da celulosa, mais garantindo tamèn a saúde dos pontevedreses, os valores ambientais e paisaxísticos e os varios milleiros de empregos que xerará a recuperación da Ría. Nun primeiro momento, coa extensión dos traballos de desmontaxe e rexeneración “strictu sensu”, despois coas grandísimas posibilidades de desenvolvemento marisqueiro, ambiental, turístico e urbano que se van abrir.
Os intereses do eucalipto e da pasta de papel (condenada a un imparábel devalo na era das tecnoloxías da información) non poden frear o crecemento económico sostíbel que xerará guindar a celulosa da Ría de Pontevedra.