Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2019 | Actualizada ás 11:45
O delegado do Goberno, Javier Losada, defende que o estatuto de consumidores electrointensivos "cumpre" coas demandas de empresas, traballadores, sindicatos e comunidades.
Nun comunicado, Losada remarca que este estatuto está en período de exposición pública aberto a suxestións e propostas de todas as partes para mellorar o texto, mentres quixo mandar unha mensaxe de "tranquilidade".
"Dixemos que se aprobaría un estatuto e fixémolo pola vía de urxencia, agora está en exposición pública para achegas, e por iso tamén apelo á lealdade e colaboración da Xunta de Galicia nesta fase, así como das empresas para atopar o mellor marco posible do propio marco que establece a Unión Europea", subliña.
Así se expresou despois de que Alcoa anunciase que presentará alegacións ao borrador do Goberno sobre a industria electrointensiva antes de que acabe o prazo o próximo 27 de marzo, ao consideralo "insuficiente e incerto" para a industria do aluminio en España e pór en risco a súa planta de San Cibrao (Lugo).
"Nestes momentos temos o compromiso de Alcoa para buscar unha alternativa ata o 30 de xuño e hai ofertas sobre a mesa para ter unha alternativa ás factorías de Alcoa, pois agora toca manter a calma, traballar como fai o Goberno para cumprir os seus compromisos e toca seguir remando todos xuntos para alcanzar unha solución", apunta Javier Losada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.