Unha vintena de colectivos únense para 'deseucaliptizar' Galicia

Cousa de Raíces propuxo celebrar o Día Internacional dos Bosques con actividades de erradicación de árbores exóticas invasoras, que prexudican "o solo, o cauce fluvial, a biodiversidade e favorecen os incendios forestais".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/03/2019 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

Preto de 20 colectivos galegos responderon á chamada da Deseucaliptización Simultánea, unha proposta da plataforma a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, pensada para o Día Mundial Forestal ou dos Bosques.  Comunidades de Montes, colectivos ecoloxistas, agrupacións culturais, a Universidade da Coruña e diversos proxectos de custodia do territorio organizan para mañá e o vindeiro sábado, 23 de marzo, máis dunha decena de accións de eliminación de eucaliptos e doutras plantas exóticas invasoras, como as acacias. 

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM

Algúns dos colectivos que se sumaron á iniciativa de Cousa de Raíces foron ADEGA, Couto da Eiriña, Verdegaia, Montescola e CMVMC de Froxán (Lousame), a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, A Rente de Chan, Pladever, Fundación Eira, Proxecto Ríos, Amigos da Terra, CMVMC de Tourón (Melón), Asociación Vergasta, APDR, agrupación Arlequín, Proxecto MonTeis, a CMVMC de Teis (Vigo), a CMVMC de Ponteareas e a CMVMC de Carracedo (Caldas de Reis). A intervención comezará mañá, 21 de marzo, Día Mundial dos Bosques, e culminará o sábado 23, día no que se desenvolverán a meirande parte das actuacións.

O obxectivo desta actividade é chamar a atención sobre a urxencia de favorecer e conservar os bosques galegos fronte ao "impacto negativo e a expansión descontrolada" de especies e plantas exóticas invasoras no país, como é o caso do eucalipto ou da acacia, din dende a organización. Segundo explican, estas árbores prexudican as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade e ocupan solos de cultivo, ademais de contribuír a favorecer os incendios forestais. 

MÁIS DE 10 ACCIÓNS DE ELIMINACIÓN DE EUCALIPTOS E ACACIAS

As accións de deseucaliptización comezarán mañá, no propio Día Internacional dos Bosques, na cidade da Coruña, cunha actividade de eliminación de flora exótica invasora, especialmente da acacia negra, organizada no Monte da Fraga pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, coa colaboración de ADEGA.

As demais accións de eliminación de eucaliptos e outra flora exótica terán lugar o sábado, 23 de marzo. Unha delas desenvolveranse na provincia da Coruña, en concreto nos Montes de Froxán de Lousame, en “Campo de Lamas”. Nesta zona húmida, a comunidade de montes, xunto con Verdegaia e as brigadas deseucaliptizadoras, levan tempo promovendo a recuperación do bosque nativo.

As nove actuacións restantes terán lugar na provincia de Pontevedra, nos concellos de Agolada, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas, Mondariz, Melón, Pontevedra, Ponteareas, Caldas de Reis e Vigo. Estarán promovidas por entidades ecoloxistas, culturais e comunidades veciñais de montes en man común.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta