Condenan ao Sergas por operar por erro de xordeira a un neno que en realidade era autista

O rapaz perdeu a audición nun dos oídos que tiña san. A sentenza recolle que foi por mor dun "agresivo proceso médico" que era "superfluo", porque lle diagnosticaron unha xordeira "erroneamente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2019 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 200.000 euros a un menor que, en 2004, canto tiña dous anos e medio, foi operado dunha "xordeira total e incurable", pola que lle baleiraron completamente un oído para porlle un implante, cando en realidade era autista e non padecía problemas de audición.

Os maxistrados da sección primeira da sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estima en parte o recurso de apelación que interpuxo o pai do menor contra a sentenza anterior que ditara o Xulgado Contencioso-administrativo 1 de Ourense e que fixaba a indemnización en 150.000 euros.

"Atopámonos ante un claro suposto de erro de diagnóstico", subliña a sentenza do tribunal, "provocado por unha equivocada interpretación dos resultados da proba de potenciais evocados auditivos no seu día practicada". A sentenza recolle que cando o neno contaba con dous anos e medio comezara a manifestar trastornos de conduta con diminución da capacidade de atención e de relación coa contorna.

O pediatra do Sergas derivouno entón a diferentes profesionais de Vigo que concluíron, tras unha soa proba, que padecía "unha xordeira total e incurable", de "carácter irreversible", só susceptible de ser paliada a través dun implante coclear nun dos seus oídos.

"Sen esgotar os medios de diagnóstico para o efecto posibles", o Sergas procedeu á colocación do implante, co que se lle practicaron ao menor dúas intervencións, unha en decembro de 2004 e outra en febreiro de 2005, co baleirado dun dos oídos e a colocación do implante. "O menor, desde o primeiro momento, mostrou o seu rexeitamento ao implante ao que nunca chegou a adaptarse, o que xerou un evidente sufirimiento", recolle a sentenza.

Con todo, a finais de 2006 unha profesora de Ourense, especialista en audición e linguaxe, comezou a sospeitar que o neno non era xordo. O Sergas remitiu entón ao menor a un centro especializado de Barcelona, que determinou que o neno "non era xordo, senón autista", con audición completa no oído non baleirado, pero "non así no outro" porque o implante provocara a súa perda definitiva.

Ante isto, o Tribunal expón que "non pode dar por boa nin por válida a errónea confusión entre unha hipoacusia neurosensorial severa, irreversible e unha síndrome do espectro autista", e que supuxo "un grave erro cometido do que derivaron tan graves consecuencias para o afectado".

Neste sentido, lembra que é "inxustificable" que un neno que nace con audición e aprede a falar poida aos dous anos e medio padecer "unha súbita e repentina xordeira".

"NON SE DESCARTARON OUTRAS PATOLOXÍAS"

A sentenza tamén remarca que "non se descartaron, como era obrigado, outras patoloxías mediante probas complementarias de tipo psicolóxico, neurológico ou audiométrico" e pechouse " a posibilidade de comprobar que os problemas de logopedia, audición, atención ou relación coa contorna que o menor presentaba puidesen traer causa da síndrome do espectro autista".

Precisamente, o tribunal fai referencia a que "a literatura científica sinala que un 77% dos nenos autistas manifesta síntomas de perda de audición, pero que, con relativa sinxeleza, pode diferenciarse a hipotética xordeira do autismo real, a través dunha análise de patróns de comportamento".

O TSXG argumenta que "non se discute nin a dilixencia no tempo da asistencia nin a tecnoloxía aplicada, o que está en valor é o manifesto erro de diagnóstico respecto da doenza que presentaba o menor".

É máis, resalta que neste caso maniféstase "non unha perda de oportunidade, senón uns sucesivos e crasos erros médicos", determinantes dunha infracción da "lex artis, tendo en conta que as actuacións médicas non privaron ao paciente de determinadas expectativas de curación, senón que, pola contra, tales actuacións foron as que provocaron o resultado lesivo, sen as que este nunca se producise".

En conclusión, a sala difire do Xuíz de primeira instancia á hora de establecer a cantidade da indemnización, porque a considera "insuficiente".

"PERDA DE AUDICIÓN DUN OÍDO SAN"

E é que incide en que o menor foi sometido a dúas operacións para unha "innecesaria" colocación do implante, con "o sufrimento que iso leva, tempo de hospitalización, inadaptación ao implante e, en definitiva, perda da audición dun oído san por baleirado do mesmo".

Un "agresivo proceso médico" que era "superfluo", porque lle diagnosticaron unha xordeira "erroneamente". Así, o TSXG considera que, ao tratarse dun suposto de mala praxe médico-asistencial, é "obvio" que a indemnización debe tender "á íntegra reparación do dano padecido".

Cirurxiáns nun quirófano
Cirurxiáns nun quirófano

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Roi mHek

A culpa foi de Feijóo e do conselleiro de turno