Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 13:55
O Partido Popular rexeitou unha iniciativa do PSdeG que pedía a elaboración dun novo Plan de xestión de residuos, que propuña establecer como obxectivos unha menor xeración de lixo, máximos niveis de reciclaxe, incineración limitada a materiais non reutilizables nin reciclables e a eliminación dos vertedoiros.
A encargada de defender a iniciativa foi a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, quen comparou á Xunta co "coello de Alicia no país das marabillas" ao considerar que "sempre chega tarde".
Ademais, tras considerar que o actual plan está "obsoleto", a deputada socialista criticou que das 11 plantas de compostaxe e envases lixeiro que contemplaba o actual plan para 2020 só exista unha e sen estar aínda en funcionamento. "Non chegamos nin de broma aos obxectivos comunitarios con esta política", advertiu Vilán.
E é que, conforme apuntou, a Unión Europea sinala que Galicia e Canarias "non chegan ao 20% de reciclaxe" de residuos urbanos, cando os obxectivos marcan alcanzar o "50% en 2020".
APOIO DE NACIONALISTAS E RUPTURISTAS
A iniciativa do PSdeG contou co apoio do Bloque e En Marea. Así, en primeiro lugar, o nacionalista Luís Bará lamentou que a Xunta non cumpra nin os seus propios plans. "O problema non é o plan, porque se se cumprise as cousas irían moito mellor", manifestou.
Pola súa banda, Antón Sánchez (En Marea) considerou que "detrás da mala xestión dos residuos do PP" non "só está a incompetencia e a ineficacia" dun goberno que "non cumpre nin os seus plans" senón o "interese" das grandes empresas."Naturgy, Gas Natural Fenosa, é quen realmente está detrás do negocio de Sogama, recibe dous contratos de subministración de gas e electricidade desde que Sogama existe", censurou.
POSTURA DO PP
En fronte, o parlamentario do PP Gonzalo Trenor defendeu a "boa xestión" que a súa formación fai de Sogama e que, segundo indicou, deixou atrás os anos de "enchufes" e elevados soldos que caracterizaron a época do goberno bipartito.
Nesta liña, sinalou que as medidas postas en marcha pola Xunta permiten "a baixada do canon, a redución do lixo producido e o incremento das taxas de reciclaxe". "A maioría dos concellos de Galicia uníronse a esta rebaixa excepto os do PSOE, porque deron prioridade ás siglas do seu partido que aos intereses dos veciños", censurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.