Por X.M. Fernández | Vilalba | 04/04/2019 | Actualizada ás 20:00
A ONCE, no cupón do sábado 6 de abril, daralle visibilidade a un dos produtos gastronómicos máis típicos da Terra Chá, o seu Queixo de San Simón da Costa. Calcúlase que sairán á venda uns cinco millóns e medio de boletos que promocionarán o queixo e a súa feira de exaltación anual por toda España.
A iniciativa que deu orixe a este ‘puntazo’ mediático hai que buscala na Concelleira de Cultura, Cheri Grandío. Segundo nos conta, co gallo da celebración do 25 aniversario da feira empezou a pensar na idea de dimensionar o evento deste ano dalgunha forma ata que se lle ocorreu propoñerlle á ONCE a posibilidade de saír no cupón.
Púxose a traballar no tema co xerente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, Ángel Ramil, para cursarlle a petición á ONCE e non dixeron nada á asociación de queixeiros ata que a cousa non se formalizase para darlles a sorpresa se a cousa saía adiante.
Recibida a suxestión na sede da ONCE, estes acollérona de moi bo grao e déronlle para saída ao tema. Pediron unha composición de imaxes e información do queixo San Simón da Costa e da súa Feira para formalizar o tema concretando a continuación que a promoción do XXV aniversario da Feira do Queixo de San Simón fose o día 6 de abril.
Cheri Grandío, que non esconde a súa satisfacción, cóntanos tamén que cando deu a noticia oficialmente aos queixeiros/as estes non o podían crer. A promoción para o queixo e para a feira sería de gran calado e ademais todo de balde, sen custe algún nin para o concello nin para a Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa.
A feira será esta fin de semana en Vilalba, 6 e 7 de abril, contará con numerosas actividades, o actor Luís Zahera como pregoeiro e 8 queixerías expositoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.