San Simón da Costa, o queixo que demandan en media Europa

Ángel Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa, destaca nesta entrevista a importancia deste queixo. Esta fin de semana ten lugar o XXV Aniversario da Feira do Queixo de San Simón da Costa.

Por X.M. Fernández | Vilalba | 05/04/2019 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

Todo listo para que esta fin de semana, 6 e 7 de abril, se celebre en Vilalba unha nova exaltación gastronómica dun dos queixos con mellor evolución no mercado destes últimos anos, o queixo se San Simón da Costa. A hostalería vilalbesa está xa a tope e o evento atrae cada ano a máis xente de fóra que incluso chegan o venres pola noite para aproveitar toda a fin de semana.

Queixos afumándose. Foto: DOP San Simón da Costa
Queixos afumándose. Foto: DOP San Simón da Costa

Do 21 ao 31 de marzo tivo lugar xa o XII Concurso de Tapas con notable éxito e unha última fin de semana coa hostalería de Vilalba a tope, segundo nos comenta Cheri Grandío, Concelleira de Cultura de Vilalba. As mellores creacións presentaranse este sábado ás 11:30 h. na ‘Final’ que terá lugar na Praza da Constitución de Vilalba.

O evento chega este ano á XXV edición e, ademais de conseguir saír no cupón da ONCE do sábado 6, o Concello e a Asociación de Queixeiros/as quixeron dar un paso máis e confeccionar unha programación con máis música, tanto de rúa como de salón, máis actividades divulgativas e apostar por un pregoeiro galego de nivel. O escollido foi Luis Zahera, recente Premio Goya pola súa interpretación en ‘El Reino’, que aceptou encantado e dará o pregón o sábado ás 18:00 h. Cheri Grandío di estar moi satisfeita coa programación, e dada a dimensión que está collendo o evento igual para o ano tamén se estenden as actividades á tarde do domingo.

No recinto feiral, en horario de mañá e tarde o sábado e só de mañá o domingo, haberá 8 queixerías amparadas pola DOP Queixo San Simón da Costa, pero tamén outros postos de produtos do pais como aceite 'centoxcento' Figueiredo, embutidos, repostería… e tamén algúns de artesanía.

Preguntamos a Cheri Grandío tamén pola proposta musical, que este ano parécenos que aumentou. Recoñece que si, que vai haber música tanto sábado como domingo. O sábado pola mañá hai dúas propostas, La Musgaña, ás 13:00 h. na Alameda e pola noite o gran concerto da Orquestra Mondragón no Auditorio Carmen Estévez ás 21:30 h. Para o domingo, de 11:00 a 14:00 h. percorrerán o recinto feiral e as rúas de Vilalba Airiños da Freba e Festicultores.

Showcooking. Foto: DOP San Simón da Costa
Showcooking. Foto: DOP San Simón da Costa

Aínda que se poda pensar que é un evento para visitantes adultos a organización pensa cada vez máis nos pícaros/as. Este ano contan cun espectáculo infantil o sábado pola mañá na Praza da Constitución, “Saaabor!”, e durante toda a feira un obradoiro moi interesante de elaboración de queixos. Os máis pequenos/as poderán ser partícipes de todo o proceso para elaborar o seu propio queixo, dende o muxido dunha vaca -recreación cunha vaca artificial- ata o proceso posterior de converter o leite en queixo.

Grandío cóntanos, para rematar, que os ‘showcooking’ teñen moi boa aceptación, que serán o domingo ás 12:00 e ás 13:00 h. a cargo de Jacobo Santeiro e Marcos Morán respectivamente.

A DOP SAN SIMÓN DA COSTA

Falamos con Ángel Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP San Simón da Costa.

Como foi o 2018 para a DOP?

Moi positivo. Aumentou a produción e seguimos a traxectoria ascendente. En cifras o aumento tradúcese nun 4,79 %. En quilos certificados chegamos a 503.698 este ano e no 2017 a cifra foi de 408.680 quilos.

O número de queixerías mantense?

Seguimos contando con 10 certificadas. Non aumentou o número de queixerías pero podo dicirche que as oito máis pequenas dan traballo xa a 50 empregados/as.

Que me contas da internacionalización?

Moi ben tamén. O comercio internacional representa xa o 10% da produción total. Sobre 41.686 quilos exportados.

Levar os queixos tan lonxe igual non é doado, que ‘atrancos’ pode haber?

Hoxe as comunicacións e o transporte melloraron en calidade e en tempos pero o San Simón, como outros produtos perecedoiros, necesitan dun trato amable e moi coidadoso no seu transporte. Nese aspecto non é doado pois ás veces os queixos van en contedores con outros produtos, a almacenaxe e os trasvases non son os óptimos co cal por este lado podería mellorarse.

Premios máis destacados e recentes?

Recoñecementos moitos pero por darche un dato co que quedarnos dun queixo amparado, o “Crisanto” que foi o Mellor Queixo de España no 2017, o mellor de todas as categorías presentadas, o mellor dos mellores por así dicilo. Este mesmo recibiu o ouro na XVII Cata de queixos galegos 2018.

Que representa a Feira do Queixo de San Simón de Vilalba para a DOP?

No que respecta á venda é importante pero xa secundario. No seu día naceu para sacar produto pero hoxe ten máis un sentido promocional e incluso de intercambio comercial. A feira vai cada ano a máis, penso que está ben enfocada e o camiño non é malo.

Se tivésemos que localizar no mapa español e internacional os lugares onde hai máis demanda de San Simón, cales serían?

A nivel nacional diríache que Madrid, Cataluña e País Vasco. A nivel internacional non sei darche un ‘ranking’ pero consúmese moito en países como Francia, Holanda, Suiza, Finlandia, Malta, Canadá, EE.UU., Australia ou Xapón.

Do labor de promoción, á marxe de medios, que facedes?

Ultimamente están funcionando moi ben as charlas en escolas de hostalería e vemos tamén que chefs importantes están dándoo a coñecer en cada vez máis elaboracións gastronómicas. Cada vez é máis doado atopar tamén en restaurantes o queixo de San Simón.

Algunha anécdota ou historia curiosa destes últimos anos?

A máis recente, que saímos no Cupón da ONCE deste sábado 6 de abril. E outras, a ver… A que me vén á cabeza agora, a chegada a Vilalba dun australiano que busca queixos diferentes polo mundo adiante, queixos únicos para facer reportaxes para a televisión. Pois ben, fixo a reportaxe e seica tivo moi boa audiencia co cal, supoño, aumentamos mercado nese país (risas).

Feira do Queixo de San Simón, recinto feiral. Foto: Miguel
Feira do Queixo de San Simón, recinto feiral. Foto: Miguel
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta