Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 14:42
Galicia é a Comunidade Autónoma na que máis creceu porcentualmente a reciclaxe de envases lixeiros e de papel e cartón durante o ano 2018, aínda que aínda está por baixo da media española en termos totais. A subida porcentual da reciclaxe foi dun 11,1% con respecto ao ano 2017, a maior desde que se empezou a reciclar. Así o indicaron, nunha rolda de prensa celebrada este mércores no hotel OCA Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, Cruz Ferreira, e o director de xestión local e autonómica da empresa Ecoembes, Anxo Hervella, expuxeron os datos recolleitos durante o último ano. Ferreira cualificou como "notable" a citada subida porcentual.
Durante o ano 2018, cada galego separou para reciclaxe, de media, 11,7 quilos de envases de plástico --un 11,4% máis que en 2017-- e 14,1 quilos de papel e cartón --un 9,3% máis--. Estas cifras, en palabras de Cruz Ferreira, "contribuíron de forma directa ao aforro de 1,45 millóns de toneladas en materias primas e 20 millóns de metros cúbicos de auga. Tamén reduciron o gasto enerxético en 6,2 millóns de megawatts e a emisión de 1,6 millóns de toneladas de CO2". "Actualmente, o 99,8% dos galegos teñen a posibilidade de reciclar", engadiu a directora xeral.
Así mesmo, falou sobre o traballo que se está facendo para levar a cabo a "implantación do quinto colector", destinado a mellorar "a reciclaxe da materia orgánica". Cruz Ferreira mostrou a súa satisfacción por "superar a misión de mellorar nun 10% anual en envases lixeiros". Pola súa banda, o representante de Ecoembes engadiu que Galicia está "lixeiramente por baixo" da media de reciclaxe de envases lixeiros e "na media" para o caso do papel e o cartón.
ELIMINAR A "BASURALEZA"
Hervella, ademais de incidir de novo nos datos expostos pola directora xeral, valorou como "históricas e motivo de celebración" as cifras recollidas. "En termos de envases lixeiros, que son os que incumben ao convenio que teñen a Xunta e Ecoembes, en 2018 recolléronse 64.509 toneladas de residuos", expuxo.
Por último, Anxo Hervellas quixo recalcar o labor que, segundo el, fixo Ecoembes para concienciar á cidadanía da necesidade de eliminar a "basuraleza", un termo particular que utilizou para definir os residuos que os cidadáns deixan nas zonas de natureza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.